BNG mobiliza a miles de persoas nas rúas cunha manifestación en Santiago para solicitar unha saída da crise de prezos que sexa xusta para a maioría social, o que require medidas “valentes” e non parches “curtopracistas”. Medidas como a intervención do mercado enerxético, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen tomou a palabra na Praza da Quintana tras escoitar a Antón, Concha, Xosé, Iria e Manuel, que puxeron voz a algúns dos colectivos máis afectados pola inflación, como pensionista, transportistas, traballadoras do agro ou do mar ou á xente moza.
“Nesta crise, igual que nas anteriores, hai a mesma minoría de sempre que se está lucrando a costa da maioría, e nós estamos aquí para cambiar ese guión, para facer valer Galiza, para reclamar valentía aos gobernos, para que se goberne desde a xustiza social e non desde os consellos de administracións das multinacionais”, reclamou Pontón, tras destacar tres cifras que mostran quen gana e quen perde nesta crise.
Como primeira cifra, os 64.000 millóns € de beneficios das empresas do IBEX en 2021; como segunda, os 11.050 M€ que ganaron as catro principais empresas do lobby enerxético o pasado ano e, como terceira cifra, o incremento no 445% do prezo medio do MW/h nos últimos doce meses.
“Esta espiral inflacionista non vai deterse con parches senón con medidas estruturais como as que propón o BNG”, recalcou a líder nacionalista, tras subliñar que da mesma maneira que o Goberno central negociou a excepción ibérica, tamén reclama a excepción galega: “Unha tarifa eléctrica máis barata para compensarnos polos custes sociais e ambientais de ser produtores netos de electricidade, é unha cuestión de xustiza social e de igualdade”.
Ademais da tarifa eléctrica galega, o Bloque propón fixar prezos máximos para a luz e os carburantes, acabar cos beneficios caídos do ceo das eléctricas, crear unha empresa pública galega de enerxía e subirlles os impostas ás grandes enerxéticas, para que contribúan con a sufragar as medidas para paliar a crise. “Hai moito en xogo e non podemos permitir que as regras as marquen desde Madrid os grandes poderes económicos”, subliñou.
Traballo, talento, capacidade
Pontón amosouse convencida de que Galiza ten capacidade para saír adiante, “porque temos riqueza, xente traballadora, talento e capacidade para superar as situacións máis complexas”, e iso pese a soportar un Goberno do PP cun presidente ausente centrado nas súas ambicións persoais, que deixa un País “con menos oportunidades, con menos xente moza, con menos emprego, menos industria, menos sectores produtivos, con menos servizos públicos pero con máis prazas privadas para atender ás persoas maiores”.
Pontón foi especialmente crítica co feito de que no mediu dunha crise que está empobrecendo ás familias, á clase traballadora e levando ó límite ás empresas, Galiza se vexa obrigada a soportar “un goberno paralizado polas liortas internas do PP”, que máis aló das persoas vai seguir coa mesma política fracasada. “O próximo presidente da Xunta moito me temo que non vai ser mellor, pero por primeira vez na historia, non o escollen os galegos e galegas, senón o dedazo de Feixóo”.
“Non é que levemos un mes sen presidente, é que levamos trece anos sen goberno, sen ninguén que mire polos intereses do país cun Feixóo que usa como alfombra vermella para ir a Madrid un novo caso de corrupción do PP”, denunciou, “un partido que o único que lle guía é manterse no poder a costa do que sexa, sen capacidade de tomar decisións para saír desta crise”.
Solución, alternativa, esperanza
Pero, insistiu a dirixente do Bloque, “hai solución, hai alternativa e hai esperanza”, á que representan “as gandeiras e gandeiros que van seguir producindo alimentos de calidade; a esperanza son as persoas autónomas que co seu esforzo sacan adiante proxectos innovadores; son os traballadores e traballadoras que non se resignan”, declarou, ó tempo que enviaba unha mensaxe de apoio e solidariedade á familia e amizades de Unai é os seus compañeiros de Repsol.
“A esperanza é a mocidade que non quere emigrar, que investiga, que se forma e que pelexa cada día por quedar aquí; a esperanza está nas miles de mulleres que cada 8M volven deixar claro que futuro será feminista, en definitiva, a esperanza é Galiza e o instrumento para construíla é o BNG. O PP é o pasado nunha Galiza que mira cara o futuro, onde cada vez son máis as persoas que queren un cambio real e para logralo, galegos e as galegas saben que poden contar co nós, e imos traballar arreo, con todas as nosas forzas, talento e humildade para saír desta crise e liderar o cambio real que quere a maioría”, concluíu, unha manifestación que estivo simbolicamente encabeza por un camión, un tractor e unha lancha, en representación de sectores como o do transporte, agrogandeiro e pesqueiro, entre os máis afectados pola crise.