BNG logra que o Parlamento galego estude unha proposta de País diante da reforma do sistema de financiamento

Noa Presas
Noa Presas

A Cámara aproba por unanimidade a iniciativa do Bloque para crear unha comisión que permita defender unha posición galega consensuada

Noa Presas advirte que o País perde agora entre 4.000 e 5.000 millóns anuais: “o que está descentralizado é o gasto, non os ingresos”, recalca

O Parlamento galego aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG para que a Cámara comprometa, previo cumprimento dos requisitos regulamentarios correspondentes, a creación dunha comisión de estudo para abordar unha proposta de País diante da reforma do sistema de financiamento.

“Non traemos unha proposta concreta a votación, non estamos neste debate para votar a proposta do BNG, que a temos; o que propoñemos é algo tan sinxelo e necesario como que o Parlamento, que representa a pluralidade dos galegos e galegas, traballe e debata arredor dunha cuestión que vai ser determinante para o futuro deste País, porque sen autogoberno financeiro non hai autogoberno político”, explicou a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos, Noa Presas. “Se vostedes están a favor, voten en conciencia e cheguemos a un consenso”, apelou á bancada do PP.

En todo caso, Presas reclamou “un mínimo de honestidade” ao PP porque, segundo advertiu, “se vostedes van dar un si a unha comisión para facer o que fixeron, por exemplo, na comisión das caixas, ou xa para impoñer un resultado de parte, gustaríanos que non fose con esa intención. Se é con unha intención construtiva, nós estaremos aí”. “Esperamos que confíen na posibilidade de que poida haber un acordo nesa comisión, cun plan de traballo e un calendario e con xenerosidade por todas as partes, porque igual que nós non imos pretender que o seu grupo parlamentario asuma a nosa proposta de máximos, non pretendan vostedes tampouco presentarnos unha proposta pechada e que os demais asumamos como propia”, pediu a deputada nacionalista.

Na defensa da iniciativa, subliñou que Galiza non pode ficar pasiva e ausente ante as negociacións para substituír o sistema de financiamento actual, un debate conxelado dende o ano 2014, primeiro polo PP e despois polo PSOE, e que, agora, coa crise sanitaria controlada, ábrese de novo para abordar a reforma que fixará o novo modelo e a relación económica co Estado. Segundo recalcou, a posición galega non pode depender de análises pre-pandemia que quedaron obsoletas, nin ser a simple “desculpa para que o señor Feixóo faga os seus equilibrios no PP estatal, reuníndose con todo o mundo menos cos galegos e galegas a través das forzas políticas representadas nesta Cámara”.

Nesta liña, Presas avogou por un debate galego, “desde Galiza e para defender os intereses deste País”, para o que considerou obrigado abandonar “ese mantra absolutamente falso e acientífico da Galiza pequena e pobre que depende da caridade do Estado”. Así, argumentou que, cos datos da última liquidación orzamentaria de 2019, “Galiza ten unha capacidade fiscal real pola que o Estado recada 13.212 millóns de euros, mais só recibimos de volta 8.650 millóns”. “Isto significa que o noso País perdeu máis de 4.000 millóns”, recalcou. 

A portavoz nacionalista de Facenda advertiu que, nada máis lonxe de resultar un feito excepcional, nos exercicios 2018 e 2017 contrástase tamén unha perda de recursos de entre 4.500 e 5.000 millóns de euros. “É algo estrutural, froito dun modelo inxusto e baseado no centralismo”, resumiu, logo de salientar tamén que a conxelación do sistema de financiamento dende 2014 “non pode levarnos a dalo como se estivésemos nese momento”.

“Coas diferentes posicións de cadaquén, hai marxe para o debate e o diálogo e o foro debe ser este Parlamento”, convidou ao resto de forzas, para a continuación lanzar algunhas cuestións básicas neste debate: “falemos, por exemplo, de que parte do 100% da recadación fiscal en Galiza vai ficar en mans do Estado; de propostas concretas para garantir a cobertura da sanidade, o ensino ou a dependencia; de se aumentar a capacidade normativa e de xestión respecto dos impostos; ou se, por exemplo, hai que introducir novas variables que ponderen outros custos diferenciais de Galiza como a prestación de servizos a residentes no exterior”.

Para o BNG, este é un contexto novo, onde a pandemia amosou as costuras dun sistema que, segundo Presas, “mesmo a propia Xunta recoñece na memoria do Proxecto de Orzamentos que estamos tramitando que levaba tempo  esgotado”, e marcado pola volta á “senda do déficit”, polo recorte nos ingresos dada a desaparición dos extraordinarios e a crise económica e por unha “evidente recentralización fiscal”, como se puido comprobar coa cuestión das herdanzas en vida ou, antes, nos combustibles.

Neste sentido, asegurou que este modelo “é unha anomalía democrática: o secuestro de recursos por parte do Estado impídenos cubrir as nosas necesidades”, logo de advertir que coa presunta descentralización competencial tampouco se materializaron cambios que garantan que a quen lle compete manter os servizos esenciais teña “nin recursos suficientes, nin marxe de decisión sobre a política fiscal”, nin que se compensen, por exemplo, cuestións tan elementais como a dispersión ou o avellentamento.

“Descentralizouse o gasto -afirmou- pero non os ingresos”, un argumento sobre o que tamén incidiu na súa réplica final: “nestes 40 anos de presunta autonomía e de presunta descentralización, o que se descentralizou foi o gasto; os ingresos, non”, recalcou, para a continuación incidir en que “a proba é que non tivemos recursos suficientes para atender a ámbitos tan importantes como a sanidade, a dependencia ou o ensino”.

“Os galegos e galegas cotizamos, pagamos os nosos impostos, contribuímos ás arcas do Estado e, polo tanto, non estamos pedindo nada que non sexa noso. Ese é o obxectivo do BNG, un trato máis xusto, toda vez que esta pandemia fixera que todo o mundo recoñecera que este sistema de financiamento non era suficiente. Non era suficiente no marco da pandemia e non era suficiente ampliando o foco”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG