A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, reclamou hoxe na Comisión 4ª de Educación e Cultura que a Xunta de Galiza asuma as súas responsabilidades na xestión dos Conservatorios de Música Municipais. Actualmente, 23 concellos galegos están a soportar en solitario o custo da educación musical profesional, a pesar de que a Consellería de Educación é a encargada de expedir os títulos oficiais.
Na súa intervención, Fernández Davila subliñou a discriminación existente entre o alumnado dos conservatorios municipais e os centros xestionados pola Xunta. Mentres os estudantes das cidades pagan taxas reducidas, os das vilas afrontan custos moito máis elevados, ademais de sufrir unha falta de apoio organizativo e tecnolóxico por parte da administración autonómica.
A deputada nacionalista lembrou que a FEGAMP leva anos reclamando unha solución a esta situación, mais que as negociacións coa Xunta do PP están bloqueadas. Nos últimos meses, máis de 9.000 sinaturas foron entregadas á Consellería de Educación exixindo que se asuman as competencias sobre estes centros.
“O goberno galego non pode permanecer impasible mentres os concellos quebran pola falta de apoio económico. Non se pode tolerar que un servizo supramunicipal sexa asumido exclusivamente polos concellos onde se sitúan os conservatorios,” advertiu Fernández Davila.
O BNG insta á Xunta a poñer en marcha un plan para integrar os Conservatorios Municipais na súa rede oficial, garantindo un financiamento adecuado e un acceso igualitario á educación musical para toda a poboación. A proposición non de lei presentada polo BNG non saíu adiante cos votos en contra do PP.