Ana Pontón propón a contratación de cen profesionais de psicoloxía para mellorar a asistencia á saúde mental na Atención Primaria

Encontro saúde mental
Encontro saúde mental

Advirte que os recursos asistencias están baixo mínimos: “Quen pode pagar, ten atención, e quen non, o único que recibe son antidepresivos”

Equipas multidisciplinares nos centros de saúde, unidades infanto xuvenís nos hospitais, e programas de prevención do suicidio, propostas do BNG

A portavoz nacionalista do BNG, Ana Pontón denunciou a situación “moito máis que preocupante” da atención á saúde mental no Sergas, onde os recursos asistenciais específicos para este tipo de doenzas “están baixo mínimos”. “O que está pasando é que quen ten problemas de saúde mental e pode pagar, recibe atención, e quen non pode pagar ó único que recibe é unha caixa de antidepresivos”, manifestou logo de reunirse con especialistas do Colexio Oficial de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental.

Pontón reclamou a Rueda que pase da política de anuncios aos feitos porque, dixo, os datos sobre os problemas de saúde mental na poboación galega son alarmantes. Datos como que un de cada cinco persoas sofre un problema deste tipo ao longo da súa vida, segundo un estudo da propia Consellería de Sanidade, ou que Galiza rexistre a maior taxa de suicidios do Estado, un 12,25 % por cada mil habitantes fronte ao 7,79 %. O informe do Imelga, subliñou, reflexa que máis de 300 persoas se quitaron a vida no 2023, o último ano computado.

“É urxente que se tomen medidas”, apuntou, urxindo a contratación de profesionais especialistas na sanidade pública galega, onde os servizos de psiquiatría acumulan unha lista de espera de case once mil persoas e onde “a poboación neste momento non ten garantido o seu dereito a ter unha atención á saúde mental. “Isto o que provoca é que se cronifiquen os problemas”, alertou.

É por iso que, como medida máis urxente, reclamou a contratación nesta lexislatura de “como mínimo” cen profesionais da psicoloxía para completar a carteira de servizos na Atención Primaria. “É unha medida perfectamente asumible porque estamos falando de cinco millóns de euros”, precisou.

Na mesma liña, a líder do BNG emprazou á Xunta a cumprir cos mínimos de persoal que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS) contratando cando menos outros 80 psicólogos e psicólogas para atención hospitalaria. En total, 180 profesionais que suporían un custo de menos de 10 millóns de euros e que axudarían a resolver os “déficits crónicos” dos cadros de persoal de psicoloxía, cunha taxa en Galiza de 5 por cada mil habitantes, por debaixo da media do Estado (6) e moi lonxe da que se rexistra na UE (18) ou en Países como Suecia ou Dinamarca (50).

Ademais de equipos multidisciplinares nos centros de saúde, a alternativa de goberno do Bloque para atención á saúde mental pasa pola dotación de unidades de hospitalización de atención infanto xuvenil en todas as áreas sanitarias, aumentar as prazas de formación de profesionais de psiquiatría, psicoloxía e enfermería especialista; programas para a atención e prevención do suicidio con equipos específicos en cada área ou campañas de concienciación e prevención de conductas suicidas e de autolesión.

Pontón destacou ademais a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na planificación da atención á saúde mental, pois agora está a darse, segundo denuncian os expertos, unha “sobremedicación” das mulleres, un problema a maiores a ter en conta en Galiza, que lidera o consumo de antidepresivos, só superada por Asturias. Segundo a Enquisa Europea de Saúde de 2020, máis de 76.000 galegos e galegas padecen síntomas depresivos graves e 53.000 de menor intensidade, salientou.

Alternativas ás residencias de maiores

Igualmente relevante para o BNG é a creación de recursos residenciais e comunitarios, poñendo fin ao ingreso de persoas con problemas de saúde mental en residencias de maiores. Neste punto, a portavoz nacional criticou que o Goberno de Rueda fose pechando os hospitais psiquiátricos —onde os dereitos das persoas enfermas eran vulnerados, precisou— pero sen crear un sistema alternativo, cos apoios suficientes para levar unha vida digna.

“En Galiza estamos moi lonxe de acadar os obxectivos mínimos de protección da saúde mental. Por moitos anuncios, anuncios e anuncios que faga a Xunta, a realidade é que non se teñen dotado dos medios e dos recursos suficientes para que a atención á saúde mental sexa realmente unha prioridade”, lamentou Pontón, que lembrou na súa intervención que “cumpríndose integramente” o Plan de Saúde Mental presentado no 2020 e caducado no 2024 Galiza aínda estaría por debaixo da metade de profesionais que a propia Xunta dicía que eran necesarios en 1997.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG