Parlamento Galego

BNG esixe á Xunta de Rueda que cumpra a lei e informe á cidadanía sobre o seu dereito a ter unha morte digna

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado reclama aumentar as unidades para formalizar a difusión das instrucións previas para que as persoas teñan algunha próxima ao seu domicilio

Critica a “continua superación de obstáculos” e a dilatación dos prazos que fai que só a unha de cada tres persoas que solicitan a eutanasia lle sexa concedida

A responsable de Sanidade do BNG, Montse Prado, esixiu á Xunta de Rueda que cumpra a lexislación existente que permite o dereito a morrer dignamente e que garanta o seu coñecemento tanto entre profesionais sanitarios como entre a poboación en xeral, máis aló de colgalo na páxina web da Xunta.

A iniciativa que o Bloque levou á través dunha pregunta na Comisión 5ª, está enmarcada nas preocupacións transmitidas á formación nacionalista pola Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galiza que asegura que o exercicio do dereito a realizar o testamento vital e a súa inscrición no Rexistro Galego de Instrucións Previas (Regaip) está a ser obstaculizado pola falta de información e recursos.

Prado recriminoulle á secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, que “se a lei non se cumpre, é só papel mollado” e que, “mentres non se fomente un coñecemento adecuado da lexislación e non se proporcionen os recursos necesarios, miles de galegos e galegas seguen sen poder exercitar este dereito fundamental”. Emprazou á Xunta do PP a abandonar a súa “resistencia pasiva” e a tomar medidas para garantir o coñecemento dos procedementos a seguir unha vez as persoas toman a decisión de como ou cando escollen morrer.

A deputada nacionalista destacou que, a pesar dos avances lexislativos, como a Lei 3/2001, a Lei 8/2008 ou a Lei 5/2015, existen deficiencias na implementación efectiva destes dereitos en Galiza. Fixo especial fincapé á Lei 5/2015 de Dereitos e Garantías da Dignidade das Persoas Enfermas Terminais, aprobada polo Parlamento de Galiza e que  regula o dereito das galegas e galegos, enfermas terminais a decidir sobre o proceso final da súa vida. Posteriormente, a  Lei Orgánica 3/2021, de 24 de marzo de regulación da eutanasia  lexislaba a prestación da axuda a morrer, —o suicidio asistido— como un dereito.

Fixo referencia en concreto a falta de información sobre o testamento vital, a escasa presenza de materiais divulgativos, a desigual distribución de unidades habilitadas para formalizar o Documento de Instrucións Previas (DIP) ou os retrasos na inscrición e incorporación deste documento á historia clínica como mostra dos principais problemas sinalados pola Asociación de Dereito a Morrer Dignamente de Galiza. “Estes datos poñen en evidencia que a Xunta non fai ningún esforzo por estender o dereito, o que na práctica está a impedir ou dificultar o exercicio do dereito a morrer dignamente”, recalcou, pedíndolle que se axilice a tramitación para garantir que calquera persoa que solicite a tramitación da eutanasia poida facelo”.

As taxas máis baixas do Estado

No último informe publicado pola Asociación Dereito a Morrer Dignamente, tamén se destaca que, a data de 31 de decembro de 2024, só 20.104 persoas en Galiza teñen inscrito o seu DIP no Rexistro, o que representa só o 7 por cada mil habitantes —unha das taxas máis baixas do Estado— das que o 80% manifestan a súa vontade de que se lles practique a eutanasia, facéndose efectiva só en un de cada tras casos por mor da excesiva burocratización e dilatación de prazos.

Este dato evidencia que a Xunta “non está a realizar os esforzos necesarios para garantir a extensión do dereito a morrer dignamente”, recriminou a deputada nacionalista, sinalando que “ten a obriga de garantir que a cidadanía galega coñeza os seus dereitos en materia de final de vida e de proporcionar os medios necesarios para facilitar o acceso ao rexistro e a súa aplicación efectiva”.

“Non podemos fomentar a desigualdade— igual que noutros aspectos da sanidade pública do noso País— e que as persoas con máis formación e capacidade de acceso exerzan un dereito que coñecen pero que unha parte importantísima da poboación que non ten esa facilidade para coñecer a lexislación, non o exerza porque non o coñeza ou non hai profesionais”, apuntou.

Para iso, incidiu, ten que haber persoas suficientes para non ter que practicar ese dereito ás persoas que o soliciten a maiores do seu traballo habitual e para poder asignar un profesional no menor tempo posible desde que a persoa o demanda.

Tamén lle reclamou á responsable da Xunta poñer en coñecemento o número de persoas obxectoras á práctica do dereito a unha morte digna, que para o BNG,  é unha extensión da loita por unha vida digna, onde as persoas deben ter a capacidade de decidir sobre o seu propio final, asegurando que a súa vontade sexa respectada no momento en que non poidan manifestala.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG