O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas no Congreso para demandar explicacións ao Goberno e a Renfe sobre as restricións na venda de billetes de tren para as conexións entre a Galiza e Madrid. A organización nacionalista critica que as actuais limitacións impiden a planificación das viaxes e prexudican economicamente aos usuarios e usuarias do servizo ferroviario e exixe a rectificación da operadora co fin de permitir a compra anticipada de billetes con prezos accesíbeis.
A día de hoxe, se unha persoa intenta mercar un billete de tren para viaxar entre Madrid e A Coruña, Santiago, Pontevedra ou Vigo cun mes de antelación, encontra a mensaxe de que “non hai trens dispoñíbeis para os criterios seleccionados”. Esta situación repítese de forma recorrente nos últimos anos e mantén a miles de persoas pendentes da data de posta á venda dos billetes, que ademais aparecen con prezos moi elevados.
“Renfe discrimina os viaxeiros e viaxeiras galegas”
Segundo denuncia Rego, a política comercial de Renfe é claramente discriminatoria. “A empresa ferroviaria anima a mercar billetes con antelación para acceder aos mellores prezos nos servizos AVE, AVLO e de longa distancia, pero na Galiza impídese esa posibilidade”, critica. “Cando os billetes finalmente saen á venda, as tarifas iniciais xa son moi elevadas e os billetes esgótanse rapidamente, xerando unha situación de abuso e de lucro a conta da alta demanda”, engade.
O propio Ministerio de Transportes ten recoñecido, en resposta ao BNG, as deficiencias da plataforma de venda de billetes de Renfe e a necesidade de melloralas. Con todo, as limitacións seguen sen resolverse e os prezos seguen sendo excesivos. “Prometéronse prezos máis competitivos coa entrada en funcionamento dos trens AVRIL e coa normalización das frecuencias tras as obras en Chamartín, pero isto non se cumpriu” lamenta o deputado nacionalista.
O BNG exixe cambios urxentes
A iniciativa presentada polo BNG no Congreso inclúe unha serie de demandas ao Goberno para aclarar os motivos destas restricións e solicitar medidas concretas. “Renfe debe eliminar as limitacións de datas na venda de billetes para as conexións entre a Galiza e Madrid, así como aplicar unha política tarifaria xusta, con prezos accesíbeis e descontos semellantes aos que se aplican noutras zonas do Estado” reivindica Rego.
Paralelamente, a frente nacionalista demanda a mellora da plataforma de venda de billetes para permitir a compra con ata un ano de antelación. Do mesmo xeito, incrementar a oferta de prazas para dar cobertura á demanda actual sen encarecer os prezos.
“A situación actual supón un agravio comparativo para a Galiza e unha penalización para os usuarios e usuarias que dependen do tren para os seus desprazamentos” sinala Néstor Rego.