Congreso

BNG lanza ofensiva institucional en contra da explotación da mina de Doade

Doade, Beariz
Doade, Beariz

O BNG exixe rexeitar o proxecto megamineiro proposto pola Unión Europea e non sucumbir de novo ás  intencións de espoliar, máis unha vez, á Galiza

“Non se xustifica: nin do punto de vista ambiental nin para a súa utilización para fins armamentísticos” sinala a senadora do BNG, Carme da Silva

Luis Bará lembra que o proxecto foi rexeitado, froito da presión social e veciñal exercida, en 2020 após un informe negativo da Concesión de Explotación da CHMS

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) avanza unha ofensiva institucional para que Goberno do Estado e Xunta e Galiza rexeiten o proxecto da mina de Doade, en Beariz, seleccionado pola Unión Europea para a adquisición de materias primas críticas co fin de preparar o rearme. A organización nacionalista lembra que este proxecto xa foi rexeitado polo seu impacto ambiental negativo, após a presión exercida polo movemento social e veciñal, e sinala que non se pode conceder unha autorización agora polo mero feito de querer empregar estes recursos con fins armamentísticos, empregando este argumento como xustificación para, máis unha vez, espoliar os recursos da Galiza.

Representantes do BNG, entre os que participaron cargos institucionais como a senadora nacionalista, Carme da Silva, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Luis Bará, visitan a Serra do Suído após manter contacto con membros da Plataforma SOS Suído Seixo e anuncian iniciativas nas Cortes do Estado e na cámara galega para evitar un novo espolio aos recursos galegos que, agora, pretende levar a cabo a Unión Europea.

O proxecto da mina de Doade, emprazado na localidade ourensá de Beariz, contempla unha mina subterránea e unha planta para o tratamento de minerais na serra do Suído e o monte do Seixo. Explotará, segundo a información recollida, pegmatita que é unha rocha rica en litio e feldespatos que se empregan na industria tecnolóxica e é fundamental para a tecnoloxía militar.

Un proxecto de espolio, sen deixar beneficios na terra

Para o BNG, a explotación desta mina de Doade, recollido entre os proxectos estratéxicos de materias primas críticas enmarcado no Plan de Rearme da Unión Europea, non se xustifica: “nin do punto de vista ambiental, pois xa foi rexeitados hai catro anos, nin do punto de vista para a súa utilización con fins armamentísticos”.

A organización nacionalista recorda que este proxecto da mina de Doade xa intentou abrir en 2020 mais foi denegado pola Xunta de Galiza após un informe negativo da Concesión de Explotación por parte da CHMS debido á súa afectación aos acuíferos e froito da presión social e veciñal exercida. “A empresa volveu presentar o proxecto e moito nos tememos que a decisión da Comisión Europea condicione agora a resposta do Goberno galego, presidido polo PP, sempre tan permeábel a macroproxectos empresariais como o de Altri en Palas de Rei ou a macroparques eólicos” alerta Bará.

“O Goberno do Estado non pode permitir que se explote unha mina como a de Doade para destinar a súa produción de litio á creación de tecnoloxía de defensa” asevera Carme da Silva. “Dado o precedente que se estabelece no informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Goberno debe rexeitar o proxecto e oporse a el” reclama Carme da Silva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG