BNG levará ao Parlamento a creación dunha comisión para investigar a “avalancha eólica” promovida polo Goberno do PP

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará denunciou o “perdón” da Xunta a Greenalia, “unha empresa das portas xiratorias” que non pagou os 11,7 millóns de euros aos que se compremetera nese momento. “Queremos saber se ese procedemento se levou ao cabo con outras empresas que foron adxudicatarias do concurso do ano 2010”, esixiu

A formación nacionalista pon de relevo as numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e o Tribunal Supremo que anularon numerosos parques eólicos aprobados polo Executivo do PP como o da Serra do Iribio, no concello de Samos, ou do parque de Sasdónigas, no concello de Mondoñedo

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento a creación dunha comisión de investigación para investigar a política eólica do Goberno do PP nos últimos 12 anos e que xa está a ser contestada nos tribunais, con numerosas sentenzas de anulación de parques eólicos que contaron co beneplácito dos Populares. Ademais, esta comisión tamén investigaría a condoación de 11,7 millóns de euros a Greenalia por parte da Xunta.

A formación nacionalista quere denunciar, deste xeito, “o cúmulo de irregularidades” en numerosos proxectos como o da Serra do Iribio, no concello de Samos, ou o do parque de Sasdónigas, no concello de Mondoñedo, “e doutras outras moitas suspensións cautelares doutros proxectos postos en tramitación polo Goberno do PP”, denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará. Trátanse, explicou, de “feitos moi graves” como o incumprimento do previsto no concurso eólico do 2010, “que foi vendido como o maior plan industrial da historia de Galiza, con 6000 millóns de euros de investimento e a creación de 12.000 postos de traballo que non se cumpriron”.

O deputado do BNG tamén puxo o foco no “perdón” que a Xunta lle fixo á empresa Greenalia cun custo de ate 11,7 millóns de euros das arcas públicas dos galegos e galegas, “uns feitos extraordinariamente graves” aos que se lles suma que o Goberno do PP eximira ás empresas eólicas do desenvolvemento de plans industriais e tamén do pago de cantidades económicas e a monetarización deses plans industriais, deberes que estaba comprometidos no concurso eólico do 2010.

O BNG, detallou o portavoz de Medio Ambiente, quere coñecer se ese procedemento se levou ao cabo con outras empresas adxudicatarias do concurso do ano 2010 “no que se prevía un pagamento por parte das empresas de ate 1600 millóns de euros do que non sabemos nada”, criticou.

“Isto xera inseguridade xurídica e dúbidas sobre a política eólica do goberno galego nun momento de tramitación de multitude de proxectos, unha avalancha eólica que estamos a vivir nos últimos meses”, declarou Bará. O deputado do Bloque, que cualificou a actual política eólica da Xunta como “escurantista”, acusou ao Goberno do PP de actuar “como unha xestoría ao servizo dos intereses do lobby eléctrico e prexudicando o interese colectivo con grandes perdas para o erario público”.

De feito, detallou, a Xunta “negouse a entregar a documentación solicitada polo grupo parlamentario do BNG e negouse a responder en sede parlamentaria, preguntas en comisións e preguntas en Pleno”, feitos que motivan a proposta de creación da devandita comisión para, concluíu Bará, “poder acceder a toda información, coñecer a verdade e poñer luz e taquígrafos sobre unhas actuacións rodeadas de irregularidades”.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG