O BNG leva a pleno a situación da sanidade pública e do hospital POVISA

Ana Pontón
Ana Pontón

As deputadas e deputados do BNG tamén levarán ao pleno da vindeira semana a retirada de ENCE da ría e a situación de Galiza tras a tráxica vaga de lumes

A situación da sanidade pública volve protagonizar unha parte substancial dos temas que o BNG leva ao vindeiro pleno do Parlamento, de tal xeito que centrará a sesión de control ao presidente da Xunta  e unha proposición non de lei en relación á situación do Hospital vigués Povisa.

No primeiro caso, a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará a Feixóo como valora a situación do sistema público de saúde nun momento de mobilización xeneralizada dos profesionais sanitarios. En concreto, interpelará ao xefe do Executivo para que aclare se as plataformas de doentes, os colexios profesionais e as organizacións sindicais “menten cando denuncian o desmantelamento, os recortes e as privatizacións na sanidade pública”.

“É coma un coche que vai en sentido contrario na autoestrada e pensa que son os demais os que están equivocados”, ironiza a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a Xunta de portavoces, en relación ao empeño do PP en proclamar que pese as denuncias e protestas de todos os colectivos sanitarios, a sanidade está nun gran momento.

En relación á situación de Povisa, o obxectivo é poñer “luz e taquígrafos” sobre o hospital vigués. “Pedimos unha auditoría para aclarar as contas e esiximos que a Xunta garanta a asistencia sanitaria pública das persoas que están adscritas a este centro así como os dereitos laborais do cadro de persoal, sen que iso supoña ceder á chantaxe dunha empresa que só busca aumentar a súa carteira de negocio”, explica Rodil.

O BNG tamén levará ao pleno a situación en que se encontra Galiza tras a tráxica vaga de lumes de fai un ano. “Queremos saber que fixo o Goberno da Xunta para evitar que algo así poida volver acontecer, porque vemos que o PP continúa coa política pirómana como demostra o Plan Forestal que pretende aprobar no que prevé un incremento das hectáreas de eucaliptos”, explica a viceportavoz parlamentaria.

A formación nacionalista tamén quere que o Goberno de Pedro Sánchez mova ficha en relación á factoría de ENCE en Pontevedra baixo a premisa de que debe saír da ría no prazo previsto e, por tanto, acabar coa “inmoral” prórroga aprobada polo Executivo de Raxoi.

“Estamos diante dunha oportunidade histórica para poñer fin a unha desfeita da ría perpetrada en Lourizán durante o franquismo e continuada despois, prórroga incluída. Estamos diante dunha oportunidade para iniciar unha nova etapa de respecto polo medio, de reconciliación coa contorna e de devolución a Pontevedra do que en xustiza lle corresponde”, argumenta o Bloque na súa PNL.

Entre as cuestións a destacar, a formación nacionalista tamén preguntará ao Executivo pola discriminación salarial que padecen as mulleres que traballan no servizo de limpeza da Xunta. “Unha muller que limpa o despacho de Feixóo cobra menos que un home só polo feito de ser unha muller”, denunciou Rodil, unha discriminación inaceptable que o BNG quere erradicar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG