Tras a Xunta de portavoces, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG levará a vindeira sesión plenaria entre os que destacou: a reforma na Formación Profesional e que supón a desaparición de máis de 70 ciclos, 600 prazas, na oferta ordinarias e máis de 40 ciclos e “case 1.200 prazas na oferta de adultos”.
Dende o BNG, dixo, solicitamos que comparecera o conselleiro de Educación para explicar a medida tomada de “maneira unilateral pola consellería” e que está a provocar unha grande mobilización nos Centros de Formación Profesional por parte do profesorado e do alumnado. O PP vetou a nosa reclamación pero exixiremos, explicacións, a través dunha pregunta urxente, e unha rectificación inmediata por parte do Goberno galego desta decisión “unilateral” que merma a calidade da oferta educativa de FP”.
O BNG reclama a transferencia de 35 competencias
Noutra orde de cousas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou onte que o BNG defenderá “un autogoberno real” para dotar as galegas e galegos de máis e mellores ferramentas para enfrontar os novos retos. Neste sentido, reclamará, a través dunha proposición non de lei a “a reclamación de 35 novas competencias” porque levamos “14 anos de gobernos do PP sen pedir unha soa”.
A pregunta de Pontón a Rueda será sobre o balance que pode facer despois de non reclamar ningunha transferencia en 14 anos.
Sentenzas contra o Modelo eólico do Partido popular
Outro dos asuntos que abordará o BNG no Pleno refírese a “cascada de sentenzas xudiciais contrarias ao modelo eólico do PP” e que xa que paralizaron a construción dos parques eólicos do Oribio, Sasdónigas, Corme G-3 e Campelo.
Para a nacionalista, o proceder da Xunta, “violentando a normativa ambiental e os procedementos de información pública”, están xerando unha forte contestación por parte de plataformas sociais, concellos, institucións académicas e polo Consello da Cultura Galega. “Mesmo a Comisión Europea advertiu sobre a necesidade dun desenvolvemento eólico respectuoso co medio e coas comunidades locais” pero o PP continúa despregando un modelo eólico que arrasa con todo só para “beneficiar un puñado de empresas” e as portas xiratorias.
Hai que aproveitar a riqueza eólica de Galiza pero de maneira ordenada e respectando o medio, o territorio e a veciñanza, sentenciou a nacionalista.
O PP forza o regulamento do propio Parlamento por “puro electoralismo” para aprobar, de maneira urxente, a lei do Litoral
A parlamentaria lembrou que o proxecto de lei non conta cun informe do Consello Económico e Social de Galiza o que levou o CES a elevar unha queixa amosando o seu desacordo dirixida ao propio presidente da Xunta e no medio da tramitación ,o PP decidiu activar o procedemento de urxencia o que acurta os prazos ao máximo coa reunión da ponencia “nun só día”
Para que ao PP lle dea tempo a meter a lei en campaña electoral e no último pleno usaron, explicou Rodil, a presidencia do Parlamento habilitou dous luns, onte e o próximo, de maneira extraordinaria para reunir a Comisión Segunda.
“Un uso partidista do regulamento, dos procedementos e da propia institución, do Parlamento de todas as galegas e galegos, que o BNG nin acepta e ante o que tampouco imos calar”, concluíu.