O viceportavoz nacionalista, Luís Bará avanzou que o BNG centrará o debate do primeiro pleno do curso político “na defensa dos servizos públicos e na Axenda galega para defender os intereses de Galiza”.
Na comparecencia, tras a Xunta de portavoces para ordenar a vindeira sesión plenaria prevista para os días 12 e 13 de setembro, Bará explicou a intención do BNG poñer o foco no “deterioro” da sanidade e educación públicas, ao que sumou a situación das residencias públicas. Nesta liña, lamentou que o Partido popular “vetara” a comparecencia dos conselleiros de Educación e Sanidade a pesar, dixo, de seren unha solicitude máis que xustificada por toda a problemática no inicio do curso coa redución de prazas de profesorado, 60 en primaria, e 89 unidades de aulas tamén neste segmento educativo.
Este curso, recalcou, coincide cunha grande crise económica e social e vemos como o Partido popular “carece de sensibilidade e alma” para aprobar un paquete de medidas como as que propuxo o BNG, “ un cheque escolar e a gratuidade dos libros de texto”, como medida a futuro.
Por outro lado preguntaremos ao goberno polas “filtracións” das inspeccións en residencias de maiores que, ao seu xuízo, representa “un trato de favor” da Xunta a empresas privadas que fan negocio coa vellez. Bará denunciou a negativa do goberno galego a poñer a disposicións dos deputados e deputadas a devandita documentación sobre este asunto.
A sanidade pública, afirmou, continua evidenciando un grave deterioro coa sistemática redución de medios materiais e humanos. “Existen centros de saúde pechados, faltan pediatras, hai sobrecarga de traballo sobre os profesionais” e a maiores, a Xunta vén de aprobar un complemento aos médicos e médicas que traballen na sanidade pública e na privada. Dende o BNG tamén preguntaremos pola presentación na interrupción voluntaria do embarazo e a intención do Partido popular de “privatizar este servizo público”.
Axenda galega, autogoberno e financiamento
Bará avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta pola Axenda galega, o autogoberno e o debate sobre financiamento. Nesta liña, considerou que Rueda actúa como un presidente tutelado desde Madrid” e cun gran complexo de “Ayuso” . Rueda vai a Xénova a recibir ordes do PP madrileño.
Tras a proposta de Urkullo diferenciando o status de Galiza, Euskadi e Cataluña co resto constatamos como Rueda defendeu “unha igualdade irreal” para poñer ao mesmo nivel a Galiza coa rexión de Murcia. Rueda non defende en Madrid máis investimentos para Galiza e tampouco denuncia o trato de favor a Madrid convertido “nun paraíso fiscal”.
Galiza precisa “capacidade de decisión para resolver os seus problemas” e no Estado español hai realidades políticas e sociais diferentes. Dende o BNG defendemos equiparar Galiza a Euskadi e Cataluña mentres Rueda pretende igualarnos “por abaixo”.
Dende o BNG, reiterou o nacionalista, reclamamos as máximas competencias e financiamento, de aí que no vindeiro pleno presentamos unha proposición de lei para transferir a AP-9 e unha proposición non de lei para defender o uso do galego no Congreso.
No vindeiro debate de política xeral vaise evidenciar a existencia de dous modelos antagónicos, o de Rueda e o de Ana Pontón. Rueda “esgotado, sen impulso, co deposito na reserva e nun final de ciclo” mentres que Pontón representa as grandes transformacións políticas, socias e económicas que precisa Galiza, concluíu.