BNG leva ao pleno as consecuencias da crise sanitaria do SERGAS e o grave impacto ambiental, económico e social do modelo eólico en Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil lamentou, que unha vez máis, o Partido popular vetara as solicitudes do BNG para que o Presidente da Xunta explique o colapso na Atención Primaria e o Vicepresidente 1º renda contas da denuncia de ADEGA ante a Fiscalía por presunto delito de prevaricación

O BNG centrará o vindeiro pleno na crise sanitaria do SERGAS e de maneira especial na Atención Primaria  e tamén  nas graves consecuencias, ambientais, económicas e sociais do desenvolvemento eólico en Galiza.

A viceportavoz  do BNG Olalla Rodil solicitou a comparecencia “urxente” do Presidente da Xunta  para explicar o colapso no que se atopa a Atención Primaria e, sobre todo, “as medidas que vai adoptar o Goberno galego para paliar esta situación”. Esta solicitude foi vetada polo Partido popular.

Para a deputada,  o PP leva semanas  “saltando de ocorrencia en ocorrencia”, primeiro  co anuncio de atención sanitaria  nos PAC por telepantalla. “Logo dixeron que non”, despois que as enfermeiras comezarían a exercer de médicos de novo, pero tamén  tiveron que rectificar e “dicir que non”.

Polo camiño, o TSXG tomboulles por ilegal a instrución de que as farmacéuticas fixesen de médico renovando receitas e ante isto, o Partido popular anuncia que  pecharían  algúns centros de saúde para  concentrar o servizo, medida que tiveron que dar marcha atrás por que por riba “botábanlle a culpa da ideas aos colexios médicos”.

Entre tanta “ocorrencia e improvisación”, desde o BNG cremos que o presidente da Xunta de Galiza debería comparecer no Pleno do Parlamento para dar explicacións do que está acontecendo pero sobre todo, aclarar que medidas vai tomar para garantir o correcto funcionamento do sistema sanitario público deste país e o dereito a unha atención sanitaria da máxima calidade para as galegas e galegos.

O PP veta a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar o colapso sanitario

“O PP vetou esta comparecencia” pero aínda así, avanzou a parlamentaria nacionalista,  o BNG centrará a sesión de control ao presidente nesta cuestión porque a nosa portavoz nacional,  Ana Pontón  preguntará que medidas vai adoptar para fortalecer a Sanidade pública”.

Por outra banda, o BNG tamén solicitou a “comparecencia urxente” en Pleno do vicepresidente 1º ante  as gravísimas acusacións denunciadas por  ADEGA na  Fiscalía por “un presunto delito de prevaricación na tramitación de dous parques eólicos proxectados pola empresa Greenalia en Campelo e Feáns”.

Referímonos a  “presuntas irregularidades da Xunta de Galiza que tería aforrado 11,7 millóns de euros a esta empresa enerxética  na que traballa a ex-conselleira de Medioambiente do Partido Popular, Beatriz Mato”.

Rodil lamentou a postura do Partido Popular impedindo as comparecencias do Presidente da Xunta e do Vicepresidente 1º para “render contas”. De todos xeitos, salientou que Francisco Conde terá que facelo porque dende  o BNG,  “ímolo interpelar  sobre este asunto”.

Por outra parte, o BNG tamén levará a vindeira sesión plenaria unha proposta para   reclamar ao Goberno español “un trato xusto, a través dunha tarifa eléctrica máis barata e de medidas que garantan o respecto ao autogoberno de Galiza e aos dereitos medioambientais e sociais das galegas e dos galegos”. Até Aragón está defendendo agora os seus intereses territoriais como produtor de electricidade mentres aquí o PP “vota en contra sistematicamente de que as galegas e galegos nos beneficiemos da riqueza eléctrica que xera o noso país”, afirmou.

Non ao incremento das peaxes da AP-9 e da AP-53

 Rodil tamén se referiu á Proposición non de lei para  reclamar ao Goberno español que “non incrementen as peaxes da AP-9 e da AP-53” e  poña fin “ao roubo a man armada aos petos das galegas e galegos”. Que se  revise e “anulen”  os convenios asinados nos anos 2011 e 2013 para a ampliación da Ponte de Rande e que  se revise e anulen as ampliacións da concesión da AP9, atendendo ao requirimento  da Comisión Europea porque senón   pola ampliación asinada polo Partido Popular no ano 2000 “remataría dentro de 8 meses”, afirmou.

Finalmente, a deputada do BNG reclamou o “cumprimento inmediato do acordo do Parlamento de Galiza que reclama a transferencia da AP-9 a este país”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG