Parlamento Galego

O BNG leva ao Parlamento a situación de Isidro 1952 e pide á Xunta “que se remangue” para buscar unha solución de futuro

Traballadoras Isidro 1952
Traballadoras Isidro 1952
Prado destaca que a factoría recibiu 23 millóns de euros de axudas públicas e hoxe os e as traballadoras soportan un ERE extintivo e impagos nas nóminas

O BNG trasladou ao Parlamento a situación da empresa Isidro 1952 herdeira de Isidro de la Cal, factoría emblemática da industria pesqueira no Porto da Coruña que evolucionou desde o peixe fresco aos precociñados derivados do mar con alto valor engadido, tras un proceso de expansión que se traduce en 225 traballadores e 100 M€ de facturación.

Pese a este historial e ter recibido da Xunta 23 M€ para o proceso de expansión e innovación, a día de hoxe a empresa presentou en setembro preconcurso de acredores que se executará a vindeira semana senón hai unha solución antes, despois de que xa se anunciara un ERE extintivo para 136 das 225 persoas do cadro de persoal e a modificación substancial das condicións salariais e laborais do resto.

O cadro de persoal xa sofre atrasos e impagos das nóminas e denuncia unha situación complicada con falta de materias primas, de tal xeito que até se está a desatender a alimentación dos criadeiros, ao que se suma unha serie de informacións confusas e contraditorias sobre o futuro da empresa.

“Mantéñense todos os problemas, ERE extintivo, concurso de acredores, impagos de nóminas e os traballadores e traballadoras precisan respostas: ERE, concursos, impagos nunha factoría que recibiu 23 M€ en axudas públicas”, salientou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, que pide á Xunta que se implique na busca dunha solución que garanta á produción e o emprego.

“O Goberno galego ten competencias en política industrial, en emprego, en política pesqueira, como as están usando?”, interpelou Prado, “exerzan como Goberno porque a súa obriga é remangarse para buscar solucións, para non permitir a perda dunha nova empresa, a perda de tecido industrial nun sector estratéxico como é complexo mar-industria”.

Prado reclamou ao Executivo de Feixóo que adopte as medidas necesarias para evitar que sega avanzando “o deserto industrial” no que se está convertendo Galiza ante a incompetencia do Goberno do PP.

“A súa obriga, -salientou ante o conselleiro de Industria, Francisco Conde-, é presentar  unha alternativa, un plan de viabilidade para garantir a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo, a súa obriga é explicar que seguimento se fixo dos 23 M€ de axudas públicas e explicar que fiscalización fai a Xunta das empresas ás que lle concede subvencións para garantir o bo uso dos recursos públicos”.

Conde non aportou ningunha concreción practicando o que a deputada nacionalista definiu como “a peor das políticas: a de non asumir responsabilidades, a da inoperancia e a do paternalismo. A súa obriga é presentar un plan de viabilidade porque para iso é o conselleiro de Industria e non ten que vir aquí a facer de comentarista do que fixo o goberno bipartito porque levan unha década na Xunta”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG