BNG leva ao Parlamento as irregularidades e riscos provocados pola avaría no complexo de SOGAMA que o goberno silenciou

Luís Bará
Luís Bará

Bará denuncia esperas de camións de máis de 8 horas para descargar provocando o colapso da planta na recepción e clasificación de residuos, na súa maior parte,  vertidos directamente ao vertedoiro de Areosa

Afirmou que “algo cheira a podre en Sogama e debaixo da montaña de propaganda do PP, hai moito lixo”

O portavoz en materia de Medio Ambiente, Luís Bará preguntou ao goberno que medidas está a tomar ante a alarma xerada polos problemas no funcionamento no complexo de SOGAMA en Cerceda.

O mal funcionamento na planta de recepción e clasificación de residuos, explicou, débese a “unha avaría” na planta de incineración, unha situación que provocou unha situación de “caos e colapso” na recepción e clasificación de residuos e  derivados “directamente ao vertedoiro de Areosa”.

Nin un só quilo de compost derivado de biorresiduos

“Algo cheira a podre en Sogama” e debaixo da montaña de propaganda do PP “hai moito lixo”. Neste sentido,   referiuse  á planta de Areosa  “vendida a bombo e prato no seu día pola consellaría” e que amosa  uns  “ridículos e raquíticos” datos  en canto á entrada de biorresiduos e “nulos” en canto á produción de compost. “Non foron capaces aínda de sacar un só quilo de compost” e o  día que o saquen, ironizou Bará,  levarán a TVG para facer unha reportaxe.

Por outra parte, asegurou  que se está a producir  un atasco na recepción dos camións de transporte, “con esperas de máis de 8 horas para descargar” e  alertou das condicións de traballo ante a falta de iluminación cando se traballa de noite e na   inestabilidade do terreo, “que deixan os camións cun eixo no aire”.

Outro capítulo de irregularidades ten que ver, engadiu o deputado,  cos contratos das plantas empacadoras e de transporte, con denuncias que advirten da sobrecarga dos camións e as relacións directas entre as empresas adxudicatarias dos respectivos contratos ,GESECO no caso dunha parte importante das plantas de transferencia e “COPASA no caso do transporte”.

 Bará afirmou que  a situación de monopolio que dos catro grandes contratos do complexo de Cerceda (Planta de incineración, Planta de clasificación, Vertedoiro de Areosa, Plan de Compostaxe de Areosa) están  xestionados polo grupo Valtalia a través de diferentes empresas,  grupo cunha posición dominante na xestión de residuos que saen de Cerceda para a reciclaxe e  conexións cunha das empresas que conforma a UTE adxudicataria do contrato de transporte.

O deputado concluíu a súa intervención afeando ao PP por vetar a comparecencia en pleno da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez que hoxe, explicou Bará, viuse obrigada a responder porque "o BNG  rexistrou unha pregunta urxente” ante a grave situación no complexo de SOGAMA. “Non é certo que a planta estea operativa 24 horas” como afirmou a conselleira, “estivo colapsada durante moitas semanas por unha avaría na planta de incineración” circunstancia da que vostede non informaron nin aos medios de comunicación nin á sociedade galega e temos as ordes por escrito que lle deron aos camioneiros para verter en Areosa para demostralo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG