O BNG leva ao Parlamento e concellos a privatización das estacións de Ribadavia e O Carballiño

Noa Presas
Noa Presas

O BNG esixe, como xa fixo coas do Barco e a Rúa, o mantemento como servizo público para frear un paso máis no deterioro dos servizos ferroviarios de Ourense.

O BNG vén de anunciar o rexistro de iniciativas tanto no Parlamento Galego como no Concello do Carballiño e de Ribadavia a través das voceiras nacionalistas Sofía García e Maite Rodríguez para solicitar que o servizo de información e atención ao público e a a venda presencial de billetes nas estacións destas localidades se manteña como un servizo exclusivamente público ao non haber razóns para tal decisión, pois no 2018 os beneficios de Renfe-Adif aumentaron e teñen capacidade de contratación.

Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense, recordou como “xa cando en febreiro de 2018 anunciaron estes pasos e comezaban coas estacións do Barco e da Rúa desde o BNG denunciamos que era unha ofensiva privatizadora sen xustificación e insistimos en que a aposta dun ente que naceu como público e que recibe contías do Estado para manter uns servizos mínimos debera ser a xestión pública”.

A deputada declarou que “a privatización da venda de billetes suporá un chanzo máis na política de recortes e redución de servizos, perdéndose o seu carácter público e sen garantías canto ao mantemento de postos de traballo atención de calidade” e recordou que “xa no 2017 Renfe-Adif tentou pechar servizos de venda en varias estacións e a mobilización social foi quen de parala, agora debemos pular polo mantemento deste servizo como público”.

Así mesmo, o BNG continuará “a reclamar que O Carballiño e Ribadavia non sigan o camiño de estacións como O Irixo ou A Bandeira, abandonadas na liña que conecta Ourense con Santiago polo abandono da liña rexional e a perda de horarios e conexións”

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG