Parlamento Galego

O BNG leva ao Parlamento o caos e inseguridade do transporte escolar nalgúns centros de Ourense

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas pregunta ao goberno que medidas implantará para impedir que se repitan os graves problemas de “organización e seguridade” no transporte escolar

A nacionalista tamén criticou a suba dos prezos doutras liñas ordinarias

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas formulou unha pregunta ao goberno relativa aos graves problemas de “organización e seguridade do transporte escolar” en varios centros de Ourense, no reinicio da actividade escolar en xaneiro de 2020.

Concretamente, o día 8 de xaneiro numerosos escolares que debían ser transportados até os seus centros escolares en Seixalbo, Ourense, Barbadás, Maceda ou Allariz sufriron diferentes incidencias pola  inexistencia de transporte, demoras e unha oferta sen as  adecuadas garantías de seguridade.

A deputada nacionalista pediu á conselleira de infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez unha “desculpa, explicacións e solucións” ás queixas das persoas usuarias do autobús de Seixalbo, e mesmo mostrou o titular dun xornal que facía referencia ás queixas proferidas contra a conselleira tras subir ao bus. Sobran, dixo Presas, “testemuñas das súa chapuza” e agardo dixo, que non negue hoxe aquí esta realidade.

A nacionalista asegurou que a nova fase do plan de transporte “chegou tarde” e  tiña que estar en funcionamento antes de comezar o curso en setembro o  que evidencia unha “clara falta de planificación”.

A deputada explicou que o  pasado 8 de xaneiro, con temperaturas baixo cero, o transporte escolar foi “un desastre”. Escolares que debían ir até os seus centros educativos  en Maceda, Allariz, Barbadás ou Ourense, como o caso de Seixalbo agardaron con grande retraso e ao frío polo  transporte. Noutros casos, non puideron acceder a el pola insuficiencia de autobuses.

En Barbadás non tiveron en conta a seguridade e non dubidaron en agrupar aos nenos e nenas de dous autobuses nun só e sen acompañante.

Este “desfase”, engadiu a nacionalista, continuou os días 9 e 10 nas liñas de Paderne e Allariz e co fin da primeira  semana de escola non acabaron os problemas nas liñas de Pontegrande e Celanova obrigando aos nenos a viaxar nun autobús urbán sen cinturón até que as protestas dos pais e nais deron os seus resultados. A parlamentaria do BNG cualificou o acontecido de “feito moi grave” e preguntou que medidas vai implantar a consellería para que non se repita.

Suba de prezos no transporte de viaxeiros

Aos problemas detectados no transporte escolar, a deputada do BNG sumou a discriminación de moitos mozos e mozas excluídos do “transporte gratuíto para menores de 21 anos” así como “a suba inxustificada dos prezos que mesmo son triplicados como no caso de Viana-Verín e un incremento do 30% nas liñas de Verín-Xinzo con Ourense.

Neste sentido, propuxo que a Xunta asuma o abaratamento e aplique o desconto para menores de 21 anos. “Un mozo de Xinzo ten os mesmos dereitos que un mozo ou moza do Milladoiro”, recalcou Presas.

A deputada pediu á conselleira de Mobilidade que aproveitara a pregunta do BNG para “desculparse” pola falta de seguridade e os problemas no transporte escolar e de pasaxeiros.

Os nenos e nenas, dixo, “non poden ir sen cinturón de seguridade, nin meter nun único bus a nenos e nenas que deberían viaxar en dous ”. As  e os ourensáns non temos que pagar do noso peto que vostedes fixeran un concurso con baixas temerarias e preguntou á conselleira se é normal que agora as familias envíen aos seus fillos a estudar o bacharelato á cidade e deban asumir ese sobrecuste.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG