Parlamento Galego

BNG lamenta o voto en contra do PP para potenciar XERA e impulsar a innovación e desenvolvemento do sector forestal

Montse Valcárcel
Montse Valcárcel

Montse Valcárcel salienta que o uso da madeira na construción de edificios públicos non chega ao 20%, tal e como se acordou no Parlamento

A deputada empraza á Xunta do PP a favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía e a crer de emprego de calidade no medio rural

A deputada Montse Valcárcel defendeu  na Comisión de Industria deste venres unha iniciativa do BNG na que se pedía que a Xunta de Rueda dea máis impulso á Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), favorecendo sinerxías entre as distintas consellerías, o ecosistema investigador, e as entidades profesionais e empresariais, para acadar conxuntamente grandes transformacións que precisa o sector forestal galego.

O BNG tamén demandaba o Goberno galego a promoción da creación de emprego de calidade no medio rural e o favorecemento da transferencia de coñecemento e tecnolóxica entre os diferentes actores vinculados á industria forestal. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP.

A proposta do Bloque pedía incidir especialmente na potenciación da investigación en mellora xenética e sanidade forestal, a innovación forestal, a xestión forestal, os instrumentos de financiamento, os produtos de segunda transformación e a construción en madeira. Neste punto, Valcárcel salientou que uso da madeira -a estrela da industria forestal-, na construción de edificios públicos “non chega ao 20%, tal e como se acordou no Parlamento, acadando só o 6%, malia a que é “sustentable, renovable, e reciclable”, e resulta “clave para a transición cara a unha economía circular”, apuntou.

Para a deputada nacionalista, a Axencia XERA, creada en 2017, debe ser “un piar central na reconstrución e mellora do sector forestal galego, actuando como un ecosistema interconectado e innovador que garanta un futuro sostible e próspero para o noso medio rural e a economía galega en xeral”.

Destacou que a súa readscrición hai pouco á Consellería de Industria despois de estar en Medio Rural e tras ameazas de peche, supón “certa distorsión” e engadiu que  “non está a conseguir os obxectivos establecidos. “A falta de impulso por parte do Goberno galego en áreas clave como a investigación, a innovación tecnolóxica e a mellora da competitividade das empresas forestais está a prexudicar o sector e a frear o seu desenvolvemento”.

Na súa exposición de motivos, Valcárcel recordou que a actividade forestal en Galicia xera grandes oportunidades e valor a miles de silvicultores e centos de comunidades veciñais que venden madeira.  Con preto de dous millóns de hectáreas de superficie forestal, o sector representa unha parte fundamental da economía galega, e en 52 concellos galegos esta actividade conta con máis do 30% de establecementos industriais.

Porén, a portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG expresou a súa preocupación pola perda de peso na contribución do sector ao produto interior bruto galego e polo descenso do 19,3% na facturación dos produtos finais da industria forestal galega xerados a partir da madeira entre 2006 (742M€) e 2024 (con 599M€). A estes datos hai que engadirlle o descenso no volume de madeira cortada nos montes galegos, que pasou de 10,8 millóns de metros cúbicos en 2022 - un ano de forte demanda e prezos elevados- a caer en un millón de metros cúbicos en 2023, unha cifra que non só non se recuperou en 2024, senón que baixou un 1%, o que supón unha perda de 6 millóns de euros de facturación.

Os obxectivos fundacionais de XERA

Montse Valcárcel lembrou que, entre os obxectivos máis relevantes da Axencia XERA destacan o de procurar a diversificación dos produtos do monte destinados á industria forestal, promovendo as sinerxías entre os distintos sectores da cadea monte-industria, así como o de mellorar a competitividade e a innovación das empresas do sector forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, con especial incidencia na segunda e seguintes fases.

Tamén debería funcionar como centro de servizos ao que acuda o sector da industria forestal actuando como interlocutor da Administración fronte aos axentes económicos vinculados á industria forestal; Así mesmo, debería servir como elemento coordinador dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal, adscritos á Axencia.  Ademais, XERA creouse para promover a utilización da biotecnoloxía como técnica no avance dos produtos forestais, impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural, e favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre as empresas do sector, as universidades e os centros públicos de investigación forestal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG