parlamento galego

BNG lamenta que o PP rompa a unanimidade do Parlamento na loita para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará defendeu unha iniciativa para que no prazo de tres meses estean feitos estudos sobre o custe do rescate e as vías legais para conseguilo   

O BNG lamenta que o PP rompese hoxe a unanimidade do Parlamento galego na loita por conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes. Fíxoo ao impedir co seu voto que prosperase unha iniciativa nacionalista na que se instaba á Xunta a encargar no prazo máximo de tres meses dous estudos, un de carácter xurídico sobre as vías posibles que hai para anular a prórroga de 25 anos concedida á concesionaria polo PP e outro de carácter económico para avaliar os custes que tería para o Estado o rescate da autoestrada.

A proposición non de lei, que defendeu Luís Bará, daba continuidade ao acordo acadado por unanimidade o 14 maio -tamén a iniciativa do Bloque- no que xa se reclamaba á Xunta un estudo sobre ambas cuestións. O Bloque pedir fixar agora o prazo de tres meses para facelo, como un paso máis na folla de ruta para conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes.

Bará reprochou aos deputados populares que teñan a “santa cara” de ter acudido este mércores ao Pleno a criticar que a concesionaria da autopista se estea “forrando”, cando iso é así, dixo, por decisións do Partido Popular, ao que instou a “pedir perdón” aos galegos e as galegas pola “aldraxe” que supuxo a prórroga que o Goberno de José María Aznar fixo por 25 anos, até o 2048. “Esa é a discriminación que pagamos todos os días os galegos e as galegas dende o 18 de agosto do 2023”, engadiu, enmarcando tamén na “aldraxe” a Galiza a decisión do Goberno de Rajoy de rescatar as radiais de Madrid “pagando das arcas do Estado máis de 4.000 millóns de euros e negándolle o mesmo a Galiza”.

Bará defendeu que é o BNG o que está “marcando o paso” na loita pola AP9 galega e sen peaxes e, neste sentido, xustificou a necesidade dos estudos sobre o custe económico e as vías legais para facer posible o rescate. Neste punto, asegurou que a concesión concedida por Aznar foi un “auténtico cambalache e un pelotazo maiúsculo”, tal e como denunciou o Tribunal de Cuentas no 2005 e agora a Comisión Europea, que vén de constatar que a prórroga da concesión fíxose sabendo o Goberno que a autopista ía ser privatizada.

“Para facer un treito de autoestrada de nove quilómetros déuselle unha concesión de 25 anos máis pola que agora se di que hai que pagar unha indemnización de 4.000 millóns”, criticou. De aí a comisión de investigación que o BNG acaba de solicitar no Parlamento galego, subliñou o deputado nacionalista, para quen “o PP non se corta un pelo nin coas portas xiratorias nin cos pelotazos”.

Forzas estatais miméticas

Bará solicitou introducir no debate da AP9 seriedade e rigor “para que aos galegos non nos tomen o pelo” e, neste sentido, censurou ás forzas estatais, que son “absolutamente miméticas” por “votar unha cousa aquí e outra en Madrid” en función de quen goberne no Estado. “O PP alármase agora porque o señor Puente, que ten certa incontinencia verbal, cifrou en 4.000 millóns de euros o custe do rescate e nunha semana subiu a 6.000 millóns, pero é exactamente o mesmo que fixo o PP de Rajoy cando no 2016 e no 2017 vetou o debate sobre a AP9 alegando que ía costar tamén 4.000 millóns”.

Por iso, engadiu, a necesidade dun estudo que fixe o custe do rescate de maneira rigorosa e sen “facerlle o traballo á concesionaria” que “está dicindo que reclamará cando menos 1.000 millóns mentres dende o Goberno se lle está a dicir que hai que pagar ata 6.000”. “Están facendo méritos para que os contraten tamén no consello de administración”, ironizou.

Tras anunciar o PP o voto en contra, Bará adiantou que o BNG seguirá traendo ao Parlamento iniciativas en positivo “non para defender os intereses da concesionaria senón os de Galiza”, marcando o paso para conseguir o “obxectivo irrenunciable da AP9 galega e libre de peaxes”. Unha AP9, concluíu, na que se avanza grazas ao Bloque, que xa ten conseguido “avances históricos”, como os descontos polos que os usuarios aforran uns 37 millóns de euros ao ano. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG