O deputado do BNG no Congreso consegue o apoio da cámara baixa para instar o Goberno do Estado a iniciar os trámites para a anulación da prórroga da AP-9, a asunción da xestión directa da autoestrada e a supresión das portaxes. Así mesmo, a iniciativa apoiada recollía o impulso da transferencia da AP-9 e, paralelamente, Néstor Rego rexistra a solicitude para que a Proposición de Lei, emanada do Parlamento de Galiza e tomada en consideración polo Congreso, se tramite pola vía de urxencia.
Após a interpelación realizada polo BNG ao Ministro de Transportes onde o deputado nacionalista desmontou os argumentos para negarse a rescatar e transferir a Autoestrada do Atlántico a Galiza, a frente nacionalista consegue o apoio da cámara baixa. A moción do BNG, consecuencia desta interpelación, insta o Goberno do Estado a anular a concesión da AP-9, suprimir as peaxes e impulsar a transferencia á Galiza.
“Hoxe, o obxectivo de termos unha AP-9 galega e libre de peaxe é un obxectivo partillado polo conxunto da sociedade galega, que se sente estafada e discriminada por decisións de gobernos de Madrid manifestamente inxustas e lesivas para os intereses do noso País” defendeu o deputado do BNG durante o debate da moción. Tanto é así, engadiu Rego, que este duplo obxectivo -transferencia e rescate- foi motivo de unanimidade reiterada no Parlamento da Galiza.
De facto, a proposta de resolución do BNG recolle fielmente o contido do acordo unánime do Parlamento galego. “Por iso, señoras e señores do Partido Popular e do PSOE, espero que voten aquí o mesmo que votaron hai menos de un mes en Compostela. O contrario sería un engano e unha fraude a todos os galegos e galegas” alega Néstor Rego.
Anular a prórroga e rematar coa discriminación
Para alén da transferencia á Galiza, o BNG entende que é inevitábel abordar a cuestión central: o rescate, pondo fin á concesión e anular a prórroga de 25 anos que aprobou no ano 2000 un Goberno de Aznar, do Partido Popular. O deputado do BNG enumerou varios motivos polos que é preciso rematar con esta discriminación que sofre a Galiza e incidiu no expediente de infracción aberto pola Unión Europea ao Estado español en 2021 por considerar que as prórrogas da AP-9 “se produciron de forma ilegal ao non cumpriren o principio de concorrencia competitiva”. Recentemente, neste mesmo ano, a UE abre un novo expediente de infracción ao Estado español polo mesmo motivo: “existen, por outra parte, precedentes de casos similares que foron xa resoltos anulando a concesión” recorda Néstor Rego.
“A AP-9 é unha vía vertebral no eixo atlántico galego, ao redor do cal se articula un territorio con máis de 70% da poboación da Galiza, os 3 aeroportos, todos os portos de interese xeral e tamén a maior parte da actividade económica e empresarial do noso país. Por tanto, manter esta vía de pagamento durante 75 anos, para alén de inxusto, castiga e economía das familias e prexudica a competitividade das empresas galegas” defende.
Segundo sinalou o deputado do BNG, non valen os argumentos do Ministro de que custaría 4000 millóns de euros e que isto sería excesivo para o Estado. “Para alén de que esa cantidade é máis que cuestionábel e outras estimacións o reducen a menos de metade -por iso incluímos na proposta a realización dun estudo rigoroso que estabeleza como facer e canto vai custar- non escoitamos ningunha das forzas estatais cuestionar no seu día o rescate das radiais madrileñas que custaron -esas si- unha cantidade superior aos 4000 millóns de euros” subliña Rego.
“Parece que Madrid xustifica todo e que, por contra, os galegos e galegas temos que pelexar cada euro que se destina ao noso País, a pesar de que saen dos nosos impostos. Pois non imos resignarnos nunca a un trato de segunda. É de xustiza reparar unha flagrante discriminación, custe o que custar” sentenza Rego.
Tramitar a Proposición de Lei para a transferencia pola vía de urxencia
Por outra parte, o deputado do BNG rexistra a solicitude para que a Proposición de Lei, emanada do Parlamento de Galiza e tomada en consideración polo Congreso, se tramite pola vía de urxencia. “É unha cuestión de xustiza despois de terse aprobado cinco veces no Parlamento de Galiza e terse tomado en consideración tres veces no Congreso mais bloqueada por PP e PSOE” evidencia.