O deputado do BNG, Secundino Fernández, preguntoulle ao director de Turismo de Galiza, Xosé Merelles polo estado de execución das obras do Castelo de Monterrei, financiadas con case 14 millóns de euros procedentes dos fondos europeos Next Generation, “a maior inversión por parte da Xunta de diñeiro público nun ben histórico nos últimos anos”, sen obter respostas concretas e convincentes.
A obra, adxudicada en 2023 á Ute Extraco-Orega-Monterrei tiña un prazo de execución de 24 meses. Pola contra, o deputado ourensán recrimina Merelles que ese prazo xa se ampliase a catro anos. Fernández amosou ademais a súa preocupación diante da resposta do director , que apuntou ao uso turístico e hoteleiro das obras de rehabilitación do recinto fortificado de Monterrei, para advertir a continuación que a súa “privatización encuberta”, cun uso privativo do espazo, suporá que só poida acceder a el a xente con “alto poder adquisitivo”.
Para o BNG é preciso facer seguimento da planificación e execución orzamentaria deste Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola UE, así como afondar na súa transparencia, pois, –denuncia–a información é limitada e reducida a notas de prensa do Goberno do PP. Reclamou neste sentido que se permita o acceso á documentación do expediente e tamén as visitas ás obras, “así toda a poboación de Verín e da comarca quedaría tranquila, se todo se fai con luz e taquígrafos”, engadiu, argumentando que “todo o que sabemos é polos medios de comunicación”, con declaracións oficias semellantes ás do director de Turismo de Galiza, nas que tampouco se concreta nada.
Contrapuxo as razóns da Xunta de Rueda para xustificar o “abuso que toda a comarca mantén na memoria e que foron do máis burdas”, argumentos como que a construción dun hotel no castelo sería a única maneira de rehabilitar e conservar o monumento, garantir do seu uso cultural ou convertelo en foco de atracción turística e dinamizadora da economía da comarca. Para Fernández, o verdadeiro atractivo deste Ben de Interese Cultural (BIC) reside na fortaleza, que “ben coidada e promocionada si serviría para revitalizar o turismo da zona e mesmo para permitir a supervivencia do Parador existente anteriormente”, afirmou.
Na iniciativa ademais de preguntar polo estado de execución, o Bloque reclamaba información sobre os elementos arquitectónicos nos que se están a executar as obras, a que edificios, instalacións ou restos afectan estas obras, e a que van ser destinados os elementos obxecto de rehabilitación.