O PP máis antigalego da historia rexeita agora as competencias de Tráfico, que si apoiou no 2007 e 2008

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Tabarés defende unha proposta de mínimos pensando no benestar dos e das galegas, que sofren unha das taxas máis altas de sinistralidade viaria

A climatoloxía, a orografía ou a densidade viaria aconsellan o traspaso, que implicaría o desenvolvemento da Policía Galega aprobada por lei no 2007

O BNG defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei para pedir ao Goberno do Estado a transferencia a Galiza das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria, necesarias pensando “nos intereses dos galegos e das galegas” e tendo en conta a realidade do País, marcada por pola súa distribución territorial, unha ampla rede de estradas, o avellentamento da poboación, a meteoroloxía ou unha alta sinistralidade.

A proposición de lei que defendeu o deputado Iago Tabarés é a mesma que o Parlamento galego aprobou por unanimidade nos anos 2007 e no 2008, pero que logo foi paralizada coa chegada do PP ao Goberno do Estado. Malia que a iniciativa, que implica o desenvolvemento da Policía Galega creada por lei no 2007, foi daquela apoiada tamén polo PP, no debate de hoxe o “PP máis antigalego da historia” votou en contra.

É por iso que Tabarés lamentou o “crecente centralismo” e a submisión a Génova do PP de Galiza, ao que lembrou que o propio Goberno de  Fraga, “un furibundo nacionalista” -ironizou-, apoiou cun acordo do Consello da Xunta a creación dun Corpo de Policía de Galiza, unha policía ordinaria e integral, “coas funcións que o ordenamento xurídico atribúe ás forzas e corpos de seguridade”.  Unha policía galega, lembrou Tabarés para desmontar os argumentos do PP, que o Executivo de “M.Fraga” aspiraba a dotar con 1.500 axentes, 700 deles para seguridade viaria.

O deputado do BNG subliñou así mesmo que o propio José María Aznar outorgou a Cataluña o que se pide aínda hoxe para Galiza, que defenderon tamén destacados membros do PP como os ex portavoces na Cámara galega Pedro Puy, agora deputado no Congreso, e Manuel Ruíz Rivas, hoxe senador, ou o ex conselleiro e número 2 do PP Jesús Palmou.

“O que nós queremos para Galiza é o que vós lle deron a Cataluña”, destacou Tabarés, que máis unha vez reclamou os populares que pensen nos galegos e nas galegas e non nas “tácticas” que lle marca Feijóo e que fan deste PP o máis antigalego, como se evidencia tamén coa “persecución do galego” ou cando renuncia aos máis de 4.000 millóns de euros da quita da débeda negociada polo BNG. “O PP, por instrucións de Génova, dun PP radicalizado e competindo con Vox, vai negar eses 4.000 millóns aos galegos e galegas”, denunciou.

Tabarés insistiu en que a proposición de lei para reclamar as competencias de Tráfico “non vai contra ninguén, nin contra o Estrado, nin contra ningún goberno, nin, por suposto, contra ningún colectivo”. “Vai en beneficio dos galegos e das galegas”, insistiu, aclarando que a proposta presentada polo BNG era “de mínimos” precisamente en aras de acadar de novo a unanimidade rachada polo PP de Rueda, o máis submiso o centralismo madrileño “cada vez máis radicalizado”.

Na defensa da iniciativa, Tabarés argumentou que a singularidade de Galiza fai necesario que a xestión do Tráfico se faga dende a proximidade. Referiuse, neste sentido, a orografía, á climatoloxía, á distribución territorial ou a elevada densidade viaria como algunha das cuestións que fan necesario o traspaso.

Lembrou, neste punto, que Galiza conta con 32.000 núcleos de poboación, a metade dos que existen no Estado, ou que a rede de estradas do País supera os 17.000 quilómetros. O parque móbil galego é o cuarto máis vello e, no que se refire a sinistralidade, tanto o número de accidentes con vítimas como o de mortos nas estradas está na cifra máis alta dos últimos cinco anos.

Segundo datos do Ministerio do Interior, no 2023 houbo no País 137 falecidos en accidentes de circulación, subliñou Tabarés, que afeou ao respecto o mal exemplo que supón que o PP manteña no seu posto de senador por designación autonómico a José Manuel Baltar, condenado por circular a máis de 215 quilómetros por hora nun coche oficial.

“A transferencia desta importante competencia incrementará o autogoberno de Galiza homologándonos co resto das nacións do Estado, e permitirá mellorar a seguridade das usuarias e usuarios das vías galegas, tomando decisións dentro da proximidade e acorde coa realidade do Pais”, sostivo, logo de subliñar o veto do PP a incrementar as cotas de autogoberno nos últimos anos.   

“Resulta incomprensible que Galiza fose a única nación do Estado e a única comunidade xunto con Murcia que en 15 anos non recibiu ningunha transferencia ou delegación de competencias. Mesmo a Madrid de Ayuso recibiu transferencias”, lamentou.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG