Parlamento Galego

O BNG lamenta a falta de diálogo do PP para acadar unha lei para dar carácter público ao termalismo galego

Noa Presas
Noa Presas

O BNG aposta por  un modelo termal aternativo  “público” e terapeútico  e  de fácil acceso e transparencia aos proxectos

Noa Presas critica a falta de diálogo do Partido popular para lograr un texto  aberto á “participación pública”, protexer  o patrimonio termal e  desenvolver novos proxectos medicinais e cosméticos

O BNG apelou a outro modelo de termalismo baseado en criterios de equilibrio territorial e desenvolvemento económico. A deputada do BNG, Noa Presas apostou por “un modelo termal público, lúdico, reparador e de fácil acceso e transparencia dos proxectos”.

Na súa intervención no debate  do proxecto de lei para a regulación e aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza,  criticou a falta de iniciativa do goberno para asumir o grande potencial termal galego. Unha  vez máis, dixo, o termalismo será unha “nova vítima da incapacidade política do Partido popular”. Hai máis promesas electorais que informes especializados e unha análise dos resultados do Plan de Turismo Termal que  lonxe de ordenar corre o risco de desvirtuar “o mapa termal” e  crear máis incertezas regulatorias.

TERMALISMO: DEREITO PÚBLICO

A deputada lembrou  que  existían dúas opcións ás que o PP renunciou: Unha  reforma parcial e rápida da lei de balnearios  para  dar cobertura a tipos de aproveitamento con lagoas legais ou ben,  facer unha nova lei, “ambiciosa”, que supuxera un salto cualitativo no termalismo galego. Por esta razón, o BNG presenta unha batería de 68 emendas agrupadas en  dous bloques: un  modelo de termalismo alternativo  “coa participación das administracións públicas” e medidas  para corrixir as  incoherencias e falta de referencias que presentaba o proxecto. O texto, explicou  a nacionalista, representa “unha oportunidade perdida” de converterse nunha lei “máis ambiciosa”.

Presas puxo en valor algúns dos aspectos incorporados ao proxecto de lei,  por impulso do BNG entre os que destacou: o incremento da seguridade xurídica para  harmonizar o texto á Lei de Balnearios do ano 95,  impedir  desigualdades no sector, blindar o dereito das persoas ante as consellerías competentes  ante feitos lesivos co aproveitamento, protección dos traballadores e traballadoras lembrando ao empresario a obriga de formalos en prevención e riscos laborais así como o respecto ao consumidor.

Asemade, a parlamentaria criticou que o Partido popular non incluíra o “uso terapéutico”  para centrarse  exclusivamente  no aspecto lúdico. Galiza é turismo e “o termalismo é turismo pero Galiza e o termalismo abranguen máis aspectos”. O termalismo vai máis alá da explotación turística polo que debe ser “revisado, reordenado e sostible”, recalcou.

O BNG tamén propuxo elaborar un rexistro das principais fontes de uso popular  de Galiza, iniciativa que foi rexeitada polo Partido popular.

A deputada criticou que a día de hoxe, Galiza non conte coa xestión e competencia das augas e puxo como exemplo as bacías da provincia de Ourense xestionadas, ao igual que o ríos  a “500 quilómetros de distancia”.

A LEI IGNORA O AMBITO PATRIMONIAL

Presas tamén aludiu aos valores de protección e promoción patrimonial  e salientou que na lei non existe ningunha medida nesta liña. “Os recursos termais son unha tradición popular secular”, non un invento do século XXI. A deputada  afirmou  que a lei  non aborda o plan de conservación e recuperación do patrimonio termal nin aposta polo potencial industrial dos aproveitamentos termais. Ademais, rexeita impulsar a xestión pública da Xunta e concellos no sector e o recoñecemento de que a “auga termal é un ben público”.

Presas destacou a función social do termalismo como hábito cultural polo que  resulta chamativo, dixo, que contando cun Campus da auga e unha cátedra de hidroloxía non se aposte “pola vía de industrialización de cosméticos e outras alternativas como as augas frías con propiedades mineiro medicinais”.

Finalmente,  lembrou que a Lei tampouco conta con “orzamento” a pesar de que o PP siga defendendo que vai facer “a revolución termal a custe cero” polo que volveu a reclamar unha modificación da lei.

A proxecto de lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza prosperou cos votos do grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG