Parlamento Galego

BNG lamenta a falta de compromiso do PP co patrimonio ao votar en contra da restauración do Cruceiro da Roza en Bueu

Paulo Ríos, Félix Juncal e
Paulo Ríos, Félix Juncal e Carmen García

O deputado Paulo Ríos denuncia a o “desleixo” e “total falta de compromiso do Goberno de Rueda coa protección e restauración deste ben patrimonial”

O deputado do BNG Paulo Ríos reclamou no Parlamento a restauración inmediata do Cruceiro da Roza en Bueu, que foi danado despois dunha colisión dun vehículo a finais de 2021, causando importantes danos na súa base e desprazándoo do seu lugar orixinal. Acusou o Goberno de Rueda de amosar unha actitude de “desleixo” e “total falta de compromiso coa protección e restauración deste ben patrimonial”, que, subliñou, é responsabilidade exclusiva da Xunta de Galiza.

“Para tapar que non fan absolutamente nada para defender o noso patrimonio, bótanlle a culpa a todo o mundo”, afirmou.  Ademais, tirou da moción na que o PP de Bueu pedía instar á dirección xeral de Patrimonio a restauración inmediata do cruceiro, “practicamente calcada” á do BNG,  para  resaltar a “escasa lealdade institucional” do PP ao “faltarlle ao respecto” ao propio grupo municipal do PP en Bueu, que “pediu unha cousa no Concello, nós votamos a favor, traémola aquí e vostedes votan en contra”.      

“Vostedes intentan facer deste asunto en Bueu un cabalo de batalla para que a señora Estévez poida conseguir algún voto máis, pero aquí o que sofre é o noso  patrimonio cultural e a veciñanza”, recriminou.

Na súa intervención, o deputado da comarca recordou que, trala colisión do automóbil co cruceiro, a veciñanza de Bueu presentou varias denuncias ante o Concello e a Policía Local, que, despois dunha investigación, identificou o vehículo responsable do accidente e a empresa titular do mesmo.

O Concello de Bueu, que segundo o deputado, “fixo máis do que debía” ao non ser o cruceiro da súa titularidade, enviou  xunto coa Policía Local  os informes necesarios á Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando que se iniciasen as accións para reclamar os danos causados polo accidente. A Xunta, tras recibir os documentos en xaneiro de 2022, solicitou en febreiro o expediente completo, o cal foi remitido de inmediato polo Concello.

A pesar da dilixencia amosada polo Concello de Bueu, Ríos advertiu que pasaron moitos meses sen recibir unha resposta clara da Xunta. En xullo de 2023, o Executivo galego solicitou de novo un informe sobre o estado do ben, que foi realizado e enviado polo Concello. Neste informe constábase que a base do cruceiro seguía danada, ademais doutros danos na estrutura do ben.

Xa en xaneiro de 2024, o Goberno galego volveu solicitar informes sobre o estado do cruceiro, reiterando un proceso de “desleixo” que, segundo o deputado Paulo Ríos, "demostra unha total falta de compromiso da Xunta coa protección e restauración do Cruceiro da Roza, un ben patrimonial de gran valor cultural e histórico para a comunidade".

Paulo Ríos acusou ao PP, despois de case tres anos do accidente,  de usar “excusas de mal pagador”. “Os veciños de Beluso deben saber que a Xunta de Galiza segue sen facer “absolutamente nada”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG