O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos (Kai), defendeu unha moción instando á Xunta a “rematar coas irregularidades e incumprimentos nos contratos do servizo público de transporte en Galiza”.
A moción nacionalista tamén incluía un segundo punto reclamando trasladar aos grupos parlamentarios , “a documentación sobre as matrículas adscritas aos diferentes lotes recollidos no Plan de Transporte de Galiza, relación de expedientes sancionadores ás empresas concesionarias e metodoloxía e datos das enquisas de satisfacción realizadas para avaliar o servizo”.
O deputado reiterou que a iniciativa do BNG obedece “ás diferentes irregularidades e incumprimentos das empresas concesionarias e o papel que está a xogar a Xunta de Galiza nas mesmas”.
Levamos traendo esta cuestión de xeito recorrente a esta cámara ante a “cegueira voluntaria” da consellería de Infraestruturas e Mobilidade porque o que está acontecendo cos contratos do servizo público de transporte resulta “un auténtico escándalo”. Non se están cumprindo os pregos e as ofertas presentadas polas empresas, nin en termos da quilometraxe mínima a executar, nin en termos de idade máxima dos vehículos, certificados ambientais, condicións dos vehículos, horarios e itinerarios, bases operativas e sobre o número de vehículos mínimos detallados nos pregos e a duplicidade de matrículas “incorrendo nunha falsidade da capacidade das empresas para asumir os lotes”.
Paulo Ríos lembrou que a titular da consellería de Mobilidade, Ethel Vázquez respondeu a unha interpelación sobre este mesmo asunto que o BNG descoñecía a situación en Aragón ao que o deputado respondeu amosando un documento no que o propio Goberno de Aragón confirmaba a acusación de “fraude de lei” á empresa de Mombus. A mesa de contratación resolveu non permitir ao grupo Monbus presentarse aos seus concursos do transporte público ao existir unha evidente situación de colusión.
Tras moitas iniciativas sen obter ningunha resposta por parte do goberno galego, unha vez máis, afirmou o deputado, “a xustiza dá a razón ao BNG” cunha sentenza do
TSXG polo reparto do mercado en Monbus e Alsa. Para o nacionalista, esta sentenza é só “a punta do iceberg das irregularidades e dos incumprimentos no sistema de transporte público galego”. A Xunta de Galiza, que é a titular do servizo e que destina 120 millóns de euros cada ano nas concesións de transporte, parece que aquí non ten nada que dicir e en palabras da propia conselleira, “a Xunta de Galiza entende que son cuestións entre empresas”.
A última sentenza do TSXG, engadiu Ríos, “non é o único varapau xudicial” do modelo de “conivencia e de regalías ás grandes empresas”, e a xustiza ven de requirirlle a información que vostedes non queren dar en termos de vehículos adscritos aos lotes e das sancións ás empresas, documentación que deu paso a “apertura de dilixencias previas por indicios de prevaricación administrativa contra o Director Xeral, Ignacio Maestre”.
A Xunta de Galiza, recalcou Paulo Ríos, “estalle a regalar o mercado a empresas amigas que non cumpren os pregos nin coas ofertas.
A Xunta continua coa súa política de amiguismo
“A Xunta de Galiza apostou por meter todos os ovos no mesmo cesto ao facilitar e incentivar o monopolio do grupo monbus, e ese cesto fai augas por todos os lados, aínda que tamén poderiamos dicir que o que cae dese cesto non é auga, senón que é Vega Sicilia”.
Tras a intervención do portavoz popular, José Manuel Balseiro que loubou o modelo de transporte da Xunta e rexeitou a proposta nacionalista, o deputado, Paulo Ríos, respondeu que o PP sigue negando unha realidade que padecen miles de persoas usuarias do servizo e reclamou, unha vez máis, a documentación sobre a frota e servizos do transporte público galego e os datos das enquisas para avaliar a satisfacción dos e das usuarias.
Se temos como obxectivo o fomento dun transporte público de calidade, é fundamental “rematar coa política de amiguismo e rematar de poñer os servizos e cartos públicos ao servizo do pobo galego e non ao servizo das empresas amigas do Partido Popular”.
Se vostedes non o fan, moito me temo que o farán a Xustiza e as urnas máis cedo que tarde, concluíu.