A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou á Xunta a declarar o “estado de emerxencia sanitaria” en Galiza e medidas para frear o aumento dos contaxios da COVID rexistrado nas últimas semanas.
A portavoz do BNG compareceu ante os medios de comunicación para valorar a evolución da COVID19 en Galiza, cuxa loita, dixo, debe ser “unha prioridade” de todos e todas a nivel individual e de maneira especial, da Xunta de Galiza con competencias para facer fronte á “crise sanitaria e económica”.
Estamos dentro dunha pandemia global na que está en xogo a vida e saúde polo que reiterou a vontade do BNG para “ colaborar en todo o que sexa necesario” e poñendo o foco naquelas cuestións que precisan dunha resposta urxente. Neste sentido, instou á Xunta e ao goberno central a asumir “as súas responsabilidades” e non “escorrer o vulto” porque é preciso aprender da experiencia destes meses. O confinamento deixounos unha lección, recalcou Pontón, o primeiro é protexer a vida e saúde das persoas e para facelo eficazmente é necesario contar con protocolos e abandonar “a improvisación”. Nesta liña lembrou que o BNG leva meses reclamándolle á Xunta “un protocolo” que a día de hoxe non existe.
Pontón cualifica de “temerario” non tomar decisións
A situación da área sanitaria da Coruña rexistra 851 casos recoñecidos é dicir, que o 61% dos casos se concentra nesta área e a propia Xunta recoñece contaxios por transmisión comunitaria polo que preguntou por que o goberno galego non tomou ningunha medida para frear a cadea de contaxios. Dende o BNG consideramos que “alguén debe explicar” por que na comarca da Mariña “sen transmisión comunitaria” e con 106 casos foi restrinxida a mobilidade mentres na Coruña, con 851 casos e transmisión comunitaria non se fixo nada.
Feixóo, afirmou Pontón, debe poñerse á fronte da pandemia e deixar de responsabilizar aos concellos, a cidadanía e a policía. Debe deixar “de poñerse de perfil e tomar decisións”, recalcou.
O BNG propón blindar as residencias de maiores e destinar 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria
A portavoz nacionalista propuxo afrontar a COVID19 con garantías implementando medidas para frear o virus. Ademais asegurou que resulta evidente que non existen “suficientes rastreadores” e criticou que Feixóo continúe falseando a realidade cando fala de 6.000 persoas xa que está incluíndo a todo o persoal de Atención Primaria. Para Pontón, a Xunta actúa con “opacidade” e recrimina ao goberno que non “aclare o número de persoas contratadas para o rastreo”.
Entre as propostas destacou a necesidade de “blindar as residencias de maiores e destinar 200M€ para reforzar a Atención Primaria” ao que sumou un protocolo de volta aos centros escolares atendendo as demandas da comunidade educativa.