parlamento galego

BNG insta á Xunta a ampliar a UCI do CHUO de Ourense, pero sen eliminar camas de hospitalización nin profesionais

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas advirte ao Sergas que as oito novas camas da UCI non poden ser a costa de reducir ata 22 de hospitalización e recortar o persoal clínico

BNG reclamou á Xunta no pleno do Parlamento galego que acometa a ampliación da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) que vén de anunciar, pero sen eliminar camas de hospitalización nin persoal “porque non sobra nin unha cama nin un profesional e sería unha irresponsabilidade”.

Así o manifestou a deputada por Ourense, Noa Presas, nunha pregunta parlamentaria ao Executivo galego na que amosou a preocupación do BNG pola capacidade asistencial do CHOU ao longo da pandemia, con traslados de pacientes a outros hospitais, cancelación de operacións e peches de quirófanos para habilitar camas UCI.

“É difícil comprender que nun hospital no que hai espazos baleiros, tanto na parte vella como no edificio novo, haxa que pechar quirófanos para abrir camas”, cuestionou, para a continuación indicar que esta situación non evidencia máis que a falta de planificación, de adaptación á pandemia e de persoal sanitario.

“Que vostedes anunciasen a ampliación parecía unha boa nova se non fose polo prezo que lle poñen”, afeou a deputada, logo de explicar que “coa coartada das obras” se eliminan ata 22 de camas de hospitalización que se empregaban na cuarta dereita do materno para reforzar áreas tan necesitadas como medicina interna e cardioloxía.

Presas subliñou que a ampliación da UCI para dispor de oito camas máis é máis que necesaria, tal e como leva reivindicando o BNG durante meses, pero o que non se pode asumir é que se faga “a costa de menos camas de hospitalización e, polo tanto, menos persoal de enfermería, auxiliar e celador”.

“Nin o persoal do centro nin o BNG cuestiona que se aumenten as camas UCI, levamos moito tempo pedíndoo, e tamén, por certo, que reforcen reanimación, que é un servizo infradotado de enfermaría e que ten unhas condicións de mantemento que non son as adecuadas”, subliñou para concluír a súa intervención.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG