A viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, demandou esta tarde no pleno do Parlamento que a Xunta tome medidas urxentes para garantir a conservación das pallozas de Piornedo, un dos principais símbolos patrimoniais de Galiza e únicas en Europa pola súa orixe celta e os seus teitos de palla de centeo.
Durante a súa intervención, Rodil lembrou que as pallozas foron declaradas Ben de Interese Cultural hai máis de trinta anos e puxo en valor o esforzo da veciñanza de Piornedo por preservar este legado histórico. “Temos que agradecer ás persoas propietarias das pallozas que trouxesen este legado até nós”, sinalou.
A deputada denunciou a falta de compromiso da Xunta do PP, que nos últimos 15 anos eliminou a liña anual de axudas para o mantemento destas construcións e dende entón, só achegou unha única partida de 100.000 euros desde 2014, fronte aos 160.000 euros destinados pola Deputación de Lugo. “Desde entón nada, e van dez anos”, criticou Rodil.
Recentemente, os efectos da tormenta Herminia evidenciaron o deterioro das pallozas, mais como trasladou Rodil, os danos xa estaban feitos debido á falta de mantemento e apoio institucional. “Non foi o vento de Herminia o que furou os teitos e danou as estruturas. A tormenta o que fixo foi alarmar máis pero o dano xa estaba feito”, afirmou.
Ante esta situación, o BNG exixe á Xunta que tome dúas medidas concretas e inmediatas como a realización dunha avaliación técnica dos danos actuais e deseñar un plan urxente para recuperar os teitos e rehabilitar as pallozas, así como restablecer as axudas anuais para garantir a súa conservación e evitar períodos de máis de dez anos sen actuacións de restauración.
Rodil tamén respondeu ás críticas do PP sobre o financiamento das restauracións, lembrando que a Deputación de Lugo, gobernada polo BNG, leva anos destinando fondos ás pallozas, mentres que a Xunta do PP “leva unha década sen poñer un só euro”. Ademais, criticou a visita de representantes do goberno galego a Piornedo tras a tormenta sen que iso se traducise nun compromiso real de apoio económico.
O BNG instou á Xunta a asumir a súa responsabilidade e a actuar de inmediato para evitar a perda deste patrimonio único. “Se todos coincidimos en que as pallozas son un ben colectivo que debemos protexer e salvagardar, implíquense no seu mantemento”, concluíu Rodil.