O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno nunha iniciativa parlamentar medidas valentes frente á suba dos prezos da electricidade e emprázao a prorrogar a rebaixa no IVE de 5% da factura da luz no 2024, unha medida que ten data de caducidade o 31 de decembro vindeiro. Aliás, o deputado nacionalista lembra que son precisas reformas estruturais no sistema eléctrico como o tope de prezos ao consumo final, a eliminación do mercado marxinalista ou unha Tarifa Eléctrica Galega.
No momento en que o Goberno decidiu rebaixar o IVE da electricidade, o BNG advertiu que, sendo esta unha medida necesaria, non era por si soa suficiente se non se adoptaren outras como o tope de prezos aos consumidores e consumidoras finais, a eliminación do mercado marxinalista para achegar o prezo ao custo real de produción, “limpar” a factura de custos impropios ou estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega.
Agora, diante da finalización da rebaixa do IVE no próximo 31 de decembro, O BNG entende que non só esta medida non debe ser eliminada, senón que é preciso avanzar con outras de maior calado para controlar efectivamente os prezos da enerxía eléctrica, que impactan de forma brutal na economía das clases populares.
Alega Néstor Rego que “a finalización das rebaixas fiscais no recibo de electricidade preocupa os consumidores, especialmente as maiorías sociais e colectivos vulnerábeis, porque se se recuperar o IVE habitual de 21%, unida á suba a 5,1% do imposto especial, as facturas da luz experimentarán un encarecemento significativo. O recibo pode verse incrementado máis de 7 euros mensuais, independentemente da tarifa contratada”.
O deputado do BNG empraza o Executivo a ampliar esta medida de rebaixa fiscal adoptada xunto con outras reducións no IVE de alimentos, no marco do Real Decreto Lei 11/2022, de 25 de xuño.
“Non é o momento de eliminar a rebaixa fiscal na factura da luz”
“Os dados de inflación, así como o IPC interanual avanzado polo INE que medrou en setembro até 3,5%, complica a situación económica de moitas familias ao inicio do curso escolar, a volta á rutina laboral e no trimestre de inicio da tempada invernal”, alega Rego, quen pon de manifesto o aumento do prezo dos carburantes, do aceite de oliva e da enerxía.
Considera que “non é o momento de eliminar a rebaixa fiscal na factura da luz. Cremos que a situación de suba de prezos é un argumento suficiente para que o Goberno decida xa ampliar a aplicación destas rebaixas fiscais”. Mesmo, puntualiza, “é o momento de converter en definitiva a aplicación do IVE superreducido á luz e avanzar con outras medidas valentes no ámbito do sistema eléctrico”.
Apostar pola creación de empresas públicas de enerxía
Máis alá do IVE, Néstor Rego defende “ir á raíz do problema, acometendo reformas estruturais no mercado eléctrico”, e menciona a necesidade de modificar o mercado marxinalista e crear empresas públicas de enerxía. Sen esquecer a necesidade de que Galiza conte cunha “tarifa eléctrica galega como país produtor excedentario de enerxía eléctrica”. Demanda tamén a retirada dos cargos e peaxes que non “teñen unha relación directa coa produción ou a distribución de enerxía eléctrica da factura da luz”.