A deputada do BNG Carme Aira fixo este venres un chamamento ao Goberno do PP para que adopte as medidas oportunas de cara ao “control inmediato e rotundo” das prácticas produtivas e laborais da empresa Surexport, que conta xa cunha importante extensión de terreos de cultivo alugados nos concellos de Begonte, Cospeito e Castro de Rei. Pediu, tamén, medidas para evitar que no futuro esta empresa amplíe o seu territorio no País, ou ben que o fagan outras similares “escapando da seca extrema que viven noutras zonas do estado que xa teñen previamente esquilmadas”.
Na defensa dunha proposición non de lei debatida na Comisión 7ª, a deputada nacionalista advertiu en primeiro lugar do modelo produtivo de Surexport que, asegurou, é “nefasto” para os solos polo abuso de produtos fitosanitarios e o “elevadísimo” consumo de auga, da orde de 4.000 a 4.500 m3 por hectárea. “Tal e como está a pasar en Andalucía, deixa arrasada a terra sobre a que se asenta”, apuntou.
En segundo Lugar, Aira denunciou as prácticas laborais e habitacionais “cheas de penalidades” desta empresa, con “aberracións, abusos e malos tratos” ao seu persoal segundo, dixo, se ten relatado nos medios de comunicación andaluces. “Traen persoas con contratos en orixe, a maioría delas mulleres, para explotalas, e logo lévanas a outros territorios mentres as manteñen nas localidades vivindo e comendo de maneira precaria”, explicou Aira para advertir de “modelos neoescravistas que non queremos para o noso País” .
“Esquilman os solos, consumen auga sen tino e no ámbito laboral traen persoas con contratos de orixe para explotalas”, sintetizou a problemática que rodea a Surexport, empresa que se dedica á produción de froitos vermellos, arandos, framboesa e amorodos e, segundo expuxo a deputada do BNG, está en continuos movementos para conseguir máis augas e máis terra, polo que Galiza resúltalle atractiva como refuxio climático para completar a produción doutros lugares onde está implantada sen paradas en todo o ano. En Huelva ten producións no entorno de Doñana,”onde se caracteriza pola captación ilegal de auga”, pero tamén traballa en Portugal, Marrocos ou Kenia.
“Non se pode permitir que modelos deste tipo expulsen aos nosos labregos e labregas do territorio, nin tampouco que reciban axudas”, advertiu Aira, ao considerar que empresas como Surexport constitúen unha ameaza para as localidades do rural galego.
Emprazou así ao Goberno do Partido Popular a frear a expansión desta empresa ou a chegada de outras similares ao noso país. Entre outras medidas, recollidas na proposición non de lei defendida pola deputada de Lugo, o BNG propuxo que a Consellería de Emprego a través do ISSGA, faga as inspeccións precisas nas instalacións da empresa en Galiza “co fin de comprobar que as persoas que traballan nela teñen garantida a súa protección da saúde no exercicio laboral”.
A iniciativa, que o PP non apoiou, propuña tamén realizar inspeccións periódicas por parte dos equipos de sanidade vexetal para garantir a salubridade das producións. O BNG reclamou deixar sen efecto calquera axuda da Xunta que puidera recibir esta empresa ou promover a retirada de subvencións de outras administracións. Na iniciativa defendida por Aira se demandaban finalmente medidas que “dificulten ou impidan a implantación deste tipo de empresas agroindustriais no territorio galego”.