A portavoz de Sanidade do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, na Comisión 1ª de Sanidade, Política Social e Emprego, demandou no Parlamento, a través dunha Proposición Non de Lei, instar ao Goberno do Partido Popular a presentar en sede parlamentaria no actual período de sesión a concreción do anuncio feito polo Presidente da Xunta no debate de investidura de “contar cun novo plan de saúde mental que incorporará psicólogos clínicos aos centros de saúde”.
Montse Prado salientou que a atención á saúde mental en Galiza “é unha das grandes esquecidas dos máis de 15 anos de Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza”, algo incomprensíbel dado o enorme número de persoas con necesidade de atención e as demoras. Prado sinalou que o presidente da Xunta no seu discurso no debate para a investidura dixo textualmente que “a Sanidade galega tamén estará especialmente pendente dunha das grandes preocupacións sociais do noso século: a saúde mental”. Ademais especificaba que este novo plan incorporaría “psicólogos clínicos nos centros de saúde”.
“En Galiza, estamos moi lonxe de acadar os obxectivos mínimos de protección da saúde mental, por moitos anuncios que faga o PP desde a Xunta, os anuncios non solucionan os problemas, é preciso saber cal é a concreción dos mesmos” apuntou.
A saúde mental está convertida na gran pandemia post Covid, polo seu impacto na saúde das persoas. Prado sinalou que a proba de que as medidas non están atallando o problema son a taxa de profesionais especialistas “moi por debaixo da media do Estado e da Unión Europea”; enfermería especialista 1 por 100.000; psicólogos por 100 mil habitantes: Unión Europea 18 ( Suecia e Dinamarca 50) Estado español 6, “Galiza non chega a 5 ou o actual cadro de persoal significa o 68% do preciso en psiquiatría, o 49% en enfermaría, o 50% en psicoloxía, 27% en traballo social e o 32% en terapia ocupacional”.
Por outra banda, a deputada nacionalista cualificou os tempos de espera como “inaceptábeis” e sinalou que son 10.431 persoas as que están agardando por unha primeira consulta en psiquiatría, segundo os últimos datos facilitados polo Sergas en decembro 2023. “Meses para ter a primeira consulta, as sucesivas con máis meses de demora e consultas moi curtas e moi prolongadas no tempo”. Cando en saúde mental o seguimento e a continuidade é chave para abordar o tratamento con garantías.
Prado manifestou que o resultado destas políticas de abandono da saúde mental son “o estancamento na evolución, seguimentos distanciados que non dan resposta á patoloxía ou acudir aos servizos de urxencias”. Toda esta falta de atención “tradúcese nun drama para as persoas doentes, para as familias e para o seu entorno”.
Finalmente Prado alertou do aumento exponencial da prescrición e consumo de psicofármacos, onde “Galiza lidera o consumo no Estado español. 130 doses diarias por mil habitantes”. Ademais Galiza segue a encabezar os datos de prevalencia de problemas de saúde mental e da taxa de suicidios de todo o Estado. “330 galegos e galegas quitáronse a vida en 2023, uns 12.2 por cada 100 mil habitantes fronte a 8,85 da media do Estado”.
“Con esta situación e estes datos é imprescindíbel tomar medidas, actuar sen máis demoras” destacou. Prado pide que a Xunta, o PP, teñen que tomarse a serio o problema e en vez de anuncios ten que tomar medidas reais, porque detrás das estatísticas están persoas que sofren.
O BNG reclama incluír nos orzamentos da Xunta para 2025 a partida orzamentaria precisa para que a incorporación se faga efectiva a partir de xaneiro do vindeiro ano.