A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG , María Albert reclamou o “cumprimento da Lei” e iniciar os trámites para “substituír” á Dirección Xeral da CRTVG.
Para a nacionalista, a permanencia da actual dirección Xeral revela “unha anomalía” consentida polo Partido popular co fin de que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, “nomeado a dedo dende o ano 2009 por Núñez Feijóo” continúe a usar os medios públicos ao servizo do Partido popular na Xunta.
Na súa intervención, a nacionalista secuenciou algunhas das denuncias formuladas polos traballadores e traballadoras que conduciron a 250 semanas de “venres negros” e unha folga o pasado luns día 6 de marzo para denunciar “ manipulación informativa, persecución e represalias ao persoal e ataques ao seus dereitos”. En opinión da deputada, o proceder da dirección da CRTVG responde a “unha cruzada” contra a pluralidade informativa e un uso partidista dos medios públicos por parte do Partido popular. Por outra parte, lembrou que o incumprimento da lei que obriga a nomear a unha nova dirección colide co dereito á información e de servizo público a todos os galegos e galegas que son os que verdadeiramente sufragan os medios públicos e a alta remuneración salarial de Sánchez Izquierdo.
Experto en economía que trasladan da radio ao Galicia Noticias. Un premio nacional de Xornalismo Cultural facendo informacións menores. Experta en internacional á que non deixan informar sobre Ucraína. “No aniversario do inicio da guerra estaba facendo unha peza sobre “A Arribada”. “Síntome humillada;” Estes dixo, son algúns dos moitos casos que puidemos escoitar nas voces dos traballadores e traballadoras, son declaracións do persoal da CRTVG e sobre todo do “clima asfixiante” na tele e na radio galegas.
O persoal non lle ten medo ao Partido popular e seguirá mobilizado contra os seus abusos
O pasado luns, 6 de marzo, lembrou a nacionalista, os traballadores e traballadoras iniciaron unha folga que será a primeira doutras mobilizacións ao que sumou “250 semanas de venres negros”. Neste sentido, afirmou que o “abuso laboral, a manipulación informativa e a apropiación dos medios públicos do Partido popular, ten que parar XA”.
O persoal reclama que cesen os abusos na CRTVG, nesa CRTVG que nos deixou Feijóo e que Rueda sigue mantendo pero que desta volta, destacou Albert, “nin vostedes nin o seu sistema de intereses foron quen de calar o clamor da dignidade do persoal da CRTVG”.
“Vostedes non entenderon nada. As traballadoras e traballadores dos nosos medios públicos non lles teñen medo e denuncian publicamente os seus casos, os seus métodos, as súas formas de matóns de instituto”. Teñen unha sentenza condenatoria no Tribunal Supremo, (até alí nos fixeron gastar recursos públicos a todas e todas galegas) por atentar contra os dereitos fundamentais dun traballador por participar nas mobilizacións dos Venres Negros e agora, o director de RRHH bota do seu despacho á representación sindical, retiran dos taboleiros da Radio Galega a información sobre os abusos e ameazan ao persoal para que non faga folga mediante “presións”. Esta é a maneira de actuar do Partido popular pero repítolles, os traballadores e traballadoras “non lles teñen medo”.
Asuman dunha vez que este non é o camiño e cumpran a lei. “Cumpran cos dereitos do persoal da CRTVG e cumpran coa súa responsabilidade ante todas as galegas e galegos”.
O PP volve a negar a realidade da CRTVG
Tras a intervención do vicepresidente 2ª, Diego Calvo que negou as acusacións da deputada nacionalista, Albert replicou que as sentenzas xudiciais constatan os continuos abusos da dirección aos traballadores e traballadores como recentemente a referida á vulneración dos dereitos dun traballador por participar nos “venres negros”.
A deputada reiterou que o persoal “non lle ten medo ao PP” e continuarán coas mobilizacións par recuperar “a dignidade” e denunciar os seus casos. A dirección Xeral da CRTVG agora non permite que se reúna a asemblea dos traballadores dentro das instalacións de San Marcos. Con este proceder, dixo María Albert, tentan tapar a súa manipulación pero xa non poden e mesmo hai persoas dentro das súas propias filas que piden que pare este despropósito. Asuman que este non é o camiño e cumpran a lei e os dereitos laborais na Radio e televisión de Galiza. “Non afundan os nosos medios públicos nin os repreguen aos seus intereses partidistas”, porque é a democracia o que está en xogo, concluíu.