O candidato nacionalista amosou o compromiso do BNG a impulsar “unha Lei galega para a xestión dos parques empresarias” coa inclusión de xuntas de conservación e garantido os servizos ás empresas así como a presentación de iniciativas para a reforma da Lei estatal de Segunda oportunidade.
Rivas explicou que “si algo deixou de manifesto a crise da Covid-19 é que Galiza precisa dun mercado de proximidade forte” e con grande presenza dos pequenos produtores utilizando novas vías de comercialización de produtos galegos. Un deses novos recursos pode ser, dixo un “Amazon galego”.
O candidato do BNG, acompañado do concelleiro nacionalista no concello de Bergondo, David Carro, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego as demandas dos empresarios e propietarios do Parque empresarial, entre as que destacou: a conexión co polígono industrial do Espírito Santo, conectar o tráfico coa autoestrada “libre de peaxes”, un informe técnico para dar resposta ás inundacións no período de chuvias e potenciar a formación profesional adecuándoa ao mercado laboral. Neste sentido, asegurou que resulta “ilóxico” impartir cursos de 40 horas cando o mercado exixe legalmente cursos de 60 na maior parte das actividades. “Esta formación ten que estar regrada” e adaptada á actividade da empresa, recalcou.
O BNG propón converter o LIGAL nun viveiro de empresas
Xosé Luís Rivas tamén apostou por converter as instalación do antigo LIGAL, na actualidade en desuso e abandonado, nun viveiro de empresas e centro de transformación agropecuaria ao servizo de pequenos produtores. Temos que poñer en valor os produtos galegos e pechar o ciclo produtivo coa súa transformación. “Non podemos conformarnos con producir, temos que transformar os nosos produtos e beneficiarnos do valor engadido”.
Por outra banda, afirmou que non podemos continuar sendo un país de servizos, temos que impulsar o tecido industrial que conta con grande potencialidade, reiterou. Non podemos permitir que unha empresa afectada por un problema económico, como acabamos de ver coas consecuencias da Covid-19, peche as súas portas cando son empresas viables e para iso urxe contar cun sistema financeiro e “unha banca pública galega” que dea resposta ás necesidades das empresas.
Rivas remarcou que Galiza precisa “dun gran acordo de país para revitalizar a economía galega” e amosou o seu convencemento en que o vindeiro 12 de xullo, se os galegos e galegas confían no BNG, moitas das medidas que agora propoñemos “serán unha realidade”.
Pola súa parte, a xerente da Asociación de empresarios do Parque empresarial de Bergondo, Ánxeles Santos apelou a intensificar a relación das institucións co empresariado galego para avanzar e levar adiante melloras na mobilidade e conexión do parque coa autoestrada e sen peaxe, resolver os problemas das inundacións provocadas polas chuvias, incrementar de 40 a 60 horas os cursos de formación profesional e acadar o 100% do pavimentado do parque.