A deputada Mercedes Queixas e o deputado Daniel Castro veñen de reunirse con diferentes creadores e creadoras de contido en galego para facilitar e impulsar a creación de contidos dixitais en galego. O Bloque Nacionalista Galego presentou no Parlamento unha batería de iniciativas lexislativas para instar á Xunta de Galiza a potenciar a presenza do galego no espazo dixital, a través de compromisos.
Mercedes Queixas salientou que o BNG defende que o futuro da lingua galega depende da súa presenza efectiva en todos os espazos comunicativos, especialmente no dixital, onde a mocidade desenvolve gran parte da súa socialización e acceso á información. “A situación actual do galego, segundo datos oficiais, é crítica, polo que urxe actuar para garantir a súa supervivencia e prestixio nos medios dixitais”.
Neste contexto, o BNG considera imprescindible que a Xunta de Galiza asuma a súa responsabilidade e poña en marcha medidas para apoiar a creación e difusión de contidos en galego nas redes sociais e plataformas dixitais. "É fundamental que exista un compromiso real co galego por parte das institucións. Desde o BNG imos solicitar á Xunta de Galicia que desenvolva estratexias eficaces para promover a produción de contidos en galego nos medios dixitais, co obxectivo de amplificar a nosa lingua en internet e darlle máis vida nas plataformas sociais", afirmou.
Nesta xuntanza con creadoras e creadores do ámbito recolléronse varias medidas que o BNG traslada nas súas iniciativas como é a de impulsar estratexias que fomenten a produción de contidos dixitais en galego, promovendo a súa visibilidade e prestixio, convocar liñas de financiamento destinadas á formación e ao desenvolvemento técnico de creadores dixitais en galego. Reforzar a visibilidade dos creadores dixitais en galego a través dos medios de comunicación públicos, creando referentes propios para a sociedade galega. Garantir que plataformas sociais como TikTok, Instagram, X e Twitch dispoñan da opción en lingua galega, favorecer a dispoñibilidade de lexendado automático en galego en todas as plataformas dixitais, así como demandar ao Goberno do Estado a modificación do artigo 19 da Lei 53/1984 para incluír a creación de material audiovisual a través das redes sociais.
Queixas destacou a necesidade de impulsar a presenza do galego nas plataformas dixitais e redes sociais, xa que cada vez máis creadores e creadoras están a desenvolver contidos de calidade en galego, tanto para o lecer como para ámbitos profesionais.
O compromiso do BNG coa lingua galega
A deputada Mercedes Queixas destacou que “a presenza do galego nos espazos dixitais non pode depender unicamente da iniciativa individual de creadores e creadoras, senón que debe contar cun apoio institucional decidido”. Neste sentido, sinalou que “mentres outras linguas minorizadas contan con políticas activas para a súa promoción no espazo dixital, o galego segue a ser discriminado pola falta de compromiso da Xunta”.
O BNG reitera a súa firme aposta por unha política lingüística activa e eficaz que garanta o dereito da cidadanía a utilizar o galego en todos os contextos, incluídos os medios dixitais. Por iso, insta a Xunta a adoptar medidas concretas para que a nosa lingua teña presenza e futuro na era dixital