BNG homenaxea aos Mártires de Nebra e apela á rebeldía que inspirou esa revolta para defender unha Galiza con futuro

Homenaxe Mártires de Nebra
Homenaxe Mártires de Nebra
“Os galegos e as galegas temos un xene rebelde que racha coa imaxe de pobo pasivo construída desde fora”, alega Bará, como demostramos desde as revoltas do S. XX até Nunca Máis e a loita polo Pazo de Meirás

BNG lembrou nun acto público aos Mártires de Nebra, a revolta de veciños e veciñas de Porto do Son que en 1916 se rebelaron contra o pago dun imposto que afectaba de cheo non seu medio de vida, que non era outro que a actividade agraria. O poder replicou coas armas causando mortos e feridos entre a veciñanza, nunha revolta agraria que para o portavoz parlamentario de Memoria Histórica, Luís Bará, é un exemplo do “xene rebelde” dos galegos e das galegas, que racha a imaxe construída desde fora dun pobo que non “pasivo”.

“Tanto a revolta de Nebra como tantas outras, a de Sofán, Sobredo, Tui, Xubia, pasando polas grandes mobilización obreiras da II República, a guerrilla antifranquista, as mobilizacións contra a ocupación dos montes comunais na ditadura, etc. Son exemplos evidentes que botan por terra esa imaxe de sociedade pasiva e calada, mobilizacións moitas delas protagonizadas por mulleres”, argumentou Bará.

O deputado nacionalista subliñou que a loita en defensa do territorio suma tamén moitos movementos de reivindicación, e aí esta a loita contra o encoro de Castrelo de Miño, a mina das Encrobas, en defensa das marismas de Baldaio ou as grandes mobilizacións de Xove, do barco O Xurelo “que remataron en grandes vitorias contra a enerxía nuclear”.

Homenaxe Mártires de NebraEn xa en tempos máis recentes, ese xene rebelde “estaba presente na gran mobilización, motivo de orgullo nacional, que foi Nunca Máis, expresión da dignidade dun pobo e dunha Galiza que se rebelou contra a marea negra e tamén contra os gobernos incompetentes”, explicou Bará, quen citou como loita máis recente a recuperación do Pazo de Meirás, “que pon de manifesto a determinación e a coraxe dun pobo que cando se mobiliza e traballa unido é imparable”.

No acto de homenaxe aos Mártires de Nebra, Bará, experto e divulgador en temas de memoria histórica, subliñou que ese ano, 1916, foi un ano de “nacemento” do nacionalismo galego coa aparición das Irmandades da Fala, que deu paso a dúas décadas “prodixiosas” pilotadas por unha xeración “irrepetible”, pois puxo en marcha “o maior proceso de avance e modernización da historia do País, que tivo como fitos a fundación do Partido Galeguista e a aprobación do Estatuto en referendo”.

Bará reivindicou o papel da historia como “manual de instrucións para construír o porvir”, porque tamén como en 1916, hoxe a sociedade está “nun tempo de grandes escollas acelerado pola pandemia, tempo no que temos que decidir se nos resignamos ou, botando man dese xene rebelde, reaccionamos para ganar o futuro, se nos resignamos a aceptar o devalo demográfico, económico e democrático ou loitamos por un País que decida o seu futuro; un momento no que temos que decidir se asumimos o desmantelamento dos servizos públicos ou os defendemos, se plantamos cara ao espolio dos nosos recursos, da nosa enerxía, do noso aforro”.

En definitiva, subliñou Bará na súa intervención, se seguimos o exemplo rebelde que fai máis dun século amoso un grupo de veciños e veciñas en Nebra e apostamos por defender unha Galiza dona do seu futuro. “É o momento de activar ese xene rebelde e escribir, entre todos e todas, as páxinas do noso futuro”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG