O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, transmitíulle ao presidente electo da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, os parabéns do BNG polo triunfo electoral nos comicios presidenciais celebrados onte en Venezuela, acadado co 50.66% dos sufraxios emitidos, o que suma un apoio de 7,5 millóns de votos, segundo os datos facilitados polo Consello Nacional Electoral e á espera dos resultados definitivos despois do reconto dos votos do exterior.
O BNG congratúlase da madurez e da actitude cívica do pobo venezolano na xornada electoral, así como da expresión maioritaria da súa cidadanía a prol de continuar as reformas iniciadas polo ex presidente Hugo Chávez, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da maioría social deste país.
Neste sentido, o portavoz nacional considera que terá especial relevancia no mandato de Nicolás Maduro o desafío que representa manter a titularidade pública dos recursos produtivos e dos sectores estratéxicos para a economía venezolana, o avance no proceso de integración latinoamericana iniciado por Hugo Chávez ou a firmeza á hora de rexeitar as inxerencias externas na política interior venezolana.
A formación nacionalista confía en que o futuro goberno poda continuar cunha política de defensa da soberanía nacional, de loita contra a pobreza e a exclusión social e de reformas da estrutura económica e produtiva para favorecer unha distribución equitativa da riqueza. O BNG salienta a política do Partido Socialista Unificado de Venezuela durante os pasados anos de Goberno en materia social, con especial atención a cuestións da saúde, da educación ou da cultura, que representaron un cambio en positivo para as capas máis desfavorecidas da sociedade venezolana.