A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou os parabéns ao Partido dos Trabalhadores (PT) en representación da Executiva Nacional do Bloque pola vitoria do candidato Lula na primeira volta das eleccións presidenciais de Brasil que se celebraron este domingo.
“O resultado acadado por Lula é espectacular, con máis de 5 millóns de votos que supoñen máis do 48,4% do total. Hai que lembrar que hai catro anos estaba na cadea, como froito dunha campaña de persecución política e acoso baseada en mentiras”, subliña Ana Miranda desde Sao Paulo.
Ao seu xuízo estas presidenciais son un proceso electoral tremendamente importante para frear ao goberno neofascista e violento que representa Jair Bolsonaro, polo que cómpre un gran esforzo para que o candidato do PT gañe na segunda volta, que se celebrará o vindeiro 30 de outubro. “Só a vitoria de Lula garante a execución de políticas públicas para as clases populares que teñan como consecuencia a diminución da pobreza”, salienta a eurodeputada do Bloque.
Na súa axenda en Brasil, ademais de visitar diferentes colexios electorais, Ana Miranda participou nunha marcha encabezada polo propio Lula nas rúas de Sao Paulo e un encontro internacional, ao que asistiron 150 delegacións de todo o mundo para acompañar ao partido do candidato da esquerda, PT.
Longa amizade BNG – PT
O BNG mantén unha relación histórica co PT, iniciada xa no 2001 sendo Camilo Nogueira, como co PCdB e nos últimos anos tamén co PSOL. Desde entón van dúas décadas de colaboración entre ambas organizacións políticas, en diversos encontros en Galiza a través da Fundación Galiza Sempre e en Porto Alegre e Sâo Paulo, sendo o último deles o celebrado entre Ana Pontón e a ex presidenta do Brasil Dilma Rouseff. Ademais, mentres Lula estaba na cadea, Ana Miranda ten participado en diversos actos no Parlamento Europeo reclamando a súa liberación.