Congreso

BNG exixirá ao Goberno unha política internacional baseada na paz e no respecto á soberanía dos pobos

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego interpelará ao Goberno ante os anuncios intervencionistas, belicistas, anexionistas e de impulso á limpeza étnica en Gaza dos Estados Unidos de América

“O Goberno español non pode continuar a ser submiso cumpridor dos designios do imperialismo e o lobby armamentístico norteamericano” di Rego

O BNG interpelará o Ministro de Asuntos Exteriores durante a vindeira sesión de control na cámara baixar para reclamar o despregamento de políticas internacionais de paz, baseadas no diálogo e e no respecto á soberanía dos pobos. O deputado do BNG no Congreso exixirá ao Goberno do Estado renunciar as políticas belicistas -acompañadas do aumento exponencial do gasto militar- promovidas polos gobernos estadounidenses e a Organización do Tratado Atlántico Norte (OTAN) e rexeitar decididamente os anuncios intervencionistas, belicistas, anexionistas e de impulso á limpeza étnica en Gaza dos Estados Unidos de América.

Ante as últimas declaracións de intencións do novo Presidente dos Estados Unidos de América e a incerteza que está xerando no contexto internacional, o Bloque Nacionalista Galego exixirá ao Goberno español unha “posición firme e decidida” en contra dos anuncios intervencionistas, belicistas, anexionistas e de impulso á limpeza étnica. En opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, o executivo estatal debe levar a cabo todas as accións necesarias, ante a Unión Europea, as institucións internacionais e a comunidade internacional, para impedir as pretensións dos Estados Unidos de América.

Contra a limpeza étnica e a ocupación da Faixa de Gaza

A frente nacionalista lembra a súa posición a prol dos dereitos do pobo palestino a vivir en liberdade. “Sempre exiximos actuacións ao Goberno do Estado para que reclamase ao Estado sionista de Israel cesar fogo e o cumprimento da legalidade internacional, así como o respecto á lexislación internacional en dereitos humanos” subliña o deputado do BNG no Congreso.

Para o BNG, as intencións de Trump e Netanyahu de expulsar á poboación gazatí e ocupar o territorio palestino deben ser respondidas con contundencia por parte do Goberno español. O deputado nacionalista pon en evidencia a hipocrisía da Unión Europea, os Estados membros e a chamada comunidade internacional que, a diferenza do conflito en Ucraína,  manteñen un submiso silencio diante dun proxecto explícito diante destes anuncios, mesmo que inclúan ameazas de intervención militar en territorio dun estado europeo como Dinamarca.

O BNG demandará a suspensión inmediata de todo comercio de armas con Israel e a anulación de acordos militares con este Estado, ao tempo que insta á comunidade internacional a adoptar medidas firmes contra a ocupación da Faixa de Gaza e a expansión dos asentamentos ilegais na Cisxordania. "A propia ONU lembrou que a limpeza étnica é ilegal e crime de lesa humanidade. O anuncio de Trump é a expresión máis descarnada do imperialismo, que sempre apoiou a ocupación sionista da Palestina e debe ser rexeitada con contundencia. Do mesmo modo, debe ser denunciadas as ameazas de ocupar Groenlandia”, sinala Rego.

Aposta decidida polas vías diplomáticas e a paz e contra o aumento do gasto militar

O Bloque solicitará que o Estado español adopte un papel activo na construción dunha orde internacional multipolar baseado no respecto á soberanía dos pobos, a cooperación solidaria e o fortalecemento de mecanismos de diálogo e mediación internacional. "A guerra e a escalada militar só serven para enriquecer o lobby armamentístico mentres afondan na miseria e destrución dos pobos afectados" evidencia Rego.

“O Goberno español foi até o de agora cumpridor submiso dos designios do imperialismo norteamericano, entre outras cousas participando na escalada bélica na Ucraína e no aumento exponencial do gasto militar, xusto o contrario do que debe ser feito”, salienta o deputado.

O BNG rexeita a participación en operacións militares ofensivas e a presenza de bases norteamericanas en territorio español. "A política exterior do Goberno debe responder aos intereses da cidadanía e non aos ditados do complexo militar-industrial para maior beneficio do lobby armamentístico do amigo americano" sosterá o deputado do BNG.

Pola contra, Rego incidirá na necesidade de destinar todo este investimento en desenvolver políticas sociais. “O Goberno continúa a incumprir a Lei de Dependencia e o financiamento que ten que realizar o Estado para atención a persoas nesta situación” reitera o deputado do BNG no Congreso. Sobre todo, insiste, nun momento de crise social e económica en que boa parte da poboación o está a pasar mal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG