A portavoz nacionalista de Facenda, Noa Presas, exixiu á Xunta no pleno do Parlamento que retire a súa proposta de “pelotazo fiscal” co que pretende beneficiar a través da bonificación do imposto de patrimonio ás 7.000 persoas máis ricas dun País no que “hai case 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social”.
No actual contexto de crise económica e coa inflación “desbocada” dende hai máis dun ano, en Galiza por riba da media estatal, Presas cualificou de “indecente” unha proposta que considerou ademais unha irresponsabilidade por renunciar a ingresar nas arcas públicas 34 millóns de euros o que, segundo advertiu, “agocha recortes”.
Neste sentido, recordou que, pese a que o 25,2% da poboación galega se atopa en risco de pobreza ou exclusión social segundo o último informe da Rede galega contra a pobreza, a medida do PP para a súa incorporación na Lei de Orzamentos do próximo ano chega logo de eliminar ferramentas como a Tarxeta Básica, negarse sistematicamente a incrementar as contías das pensións non contributivas ou rexeitar a intervención no mercado da vivenda, medidas todas elas que si contribuirían a paliar os efectos da crise sobre as clases traballadoras e, especialmente, sobre os colectivos máis vulnerables.
“Mais a prioridade do PP son as 7.000 persoas máis ricas”, recriminou á bancada popular logo de advertir que os 34 millóns que a Administración galega deixará de ingresar poderíanse destinar á contratación de máis persoal médico ou precisamente á recuperación da Tarxeta Básica ou á suba das prestacións conforme ao IPC. “Acertan cando rectifican e por iso lles pedimos que rectifiquen antes de que sexa oficial e os orzamentos entren nesta Cámara porque, nun momento de crise e empobrecemento masivo, é unha irresponsabilidade renunciar a 34 millóns de euros tan necesarios para financiar os servizos públicos”, reclamou.
Fronte a un Goberno do PP que “traballa para favorecer a esa minoría rica fronte ás maiorías” nun País no que unha de cada dúas persoas “ten dificultade ou moita dificultade para chegar a fin de mes”, a deputada nacionalista defendeu nunha proposición non de lei as alternativas do Bloque para desenvolver unha política fiscal xusta e redistributiva que garanta que quen máis ten, achegue máis e contribúa en maior medida ao sostemento e blindaxe dos servizos públicos.
Así, o BNG avoga por elevar un 10% o mínimo exento do IRPF, aumentar o número de tramos do imposto da renda, incrementar o imposto de patrimonio, baixando o mínimo exento a 300.000 euros, excluída a vivenda habitual, así como incorporar medidas de persecución da fraude fiscal que contribúan a aumentar os ingresos e impulsar deste xeito accións destinadas a paliar as consecuencias socioeconómicas da crise. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.