O BNG demandou no Parlamento a anulación inmediata do recorte de profesorado do IES Punta Candieira de Cedeira, centro ao que o Goberno do PP “quítalle 14 profesoras e profesores”.
Así o afirmou o deputado nacionalista por Ferrolterra, Mon Fernández, quen fixo referencia ao profundo malestar que estes recortes “absolutamente medidos e inxustificados” xeran en Cedeira, ata o punto que a súa corporación municipal pediu por unanimidade unha reunión coa Xunta para evitalos.
Neste sentido, o deputado do Bloque denunciou as “mentiras” do Goberno dos populares para xustificar estes recortes e negou que o centro perdera 85 alumnos tal e como expuxo a consellería de Educación, que nin sequera abriu a matrícula do bacharelato de persoas adultas.
Fernández tamén negou a “outra mentira” de que o centro “estaba conforme” con 65 docentes, xa que a dirección do IES “sempre dixo que con menos de 70 persoas docentes é imposíbel organizar o centro” e que esta precarización do ensino “penaliza a posibilidade de acceder a unha educación e formación integral de calidade”.
De igual xeito, criticou que as prazas dispoñibles para este curso eran menos por mor dos recortes e denunciou que o ano pasado xa se reduciran catro docentes, o que considerou inadmisible por parte da Consellería de Educación, á que recordou que o IES Punta Candieira é “estratéxico” para a localidade e que estes recortes “penalizan e discriminan ao alumnado de Cedeira en comparación co das zonas urbanas”.
Neste contexto, o deputado nacionalista advertiu que a Xunta no pode ser un “Goberno galego non goberna”, senón que é a responsable de “multiplicar os recursos”, o que confrontou coas políticas que está a desenvolver actualmente. Así pois, concluíu recordando que mentres o PP recorta na educación, “van baixarlles impostos aos millonarios”, deixando de recadar ata 34 millóns de euros menos nas arcas públicas dende as que se financian, entre outros servizos, o da educación.