A portavoz de Política Social, Igualdade e Ciencia do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, exixiulle ao goberno do Partido Popular, na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, impulsar a reforma da Lei de Inclusión Social en Galiza.
O BNG leva anos reclamando a necesaria reforma desta lei “por dúas razóns fundamentalmente” sinalou Rodil. A primeira, “rematar coa incompatibilidade da RISGA con outras prestacións” mais, sobre todo, pola segunda, a necesidade cada vez máis imperiosa de actualizar unha lexislación que “resulta insuficiente cando non ineficaz para atallar a situación de pobreza e exclusión social en Galiza”.
Segundo os últimos datos publicados na Enquisa de Condicións de Vida en 2023, “o 25,5% das galegas e galegos estaban en risco de pobreza e exclusión social” apuntou Rodil segundo o indicador de AROPE. Isto supón un incremento de case dous puntos porcentuais máis que no 2022.
O pasado ano no noso país “un cuarto da poboación atopábase en risco de pobreza e exclusión en termos absolutos unhas 688.500 persoas”. Malia que Galiza se situou un punto porcentual por baixo da media do estado (26,5%) neste indicador, “é a novena comunidade autónoma cun índice de pobreza e exclusión maior” salientou Rodil.
Ante esta grave situación que está a padecer gran parte da sociedade galega, o Partido Popular leva máis de tres anos “poñendo escusas” a todas as iniciativas que presenta o BNG sobre este tema.
A Xunta de Galiza anunciou o 26 de maio de 2021 que o “próximo trimestre” comezaría a tramitación da reforma da Lei de inclusión social de Galiza, “rematou 2021 e nada”. Naquel momento “o BNG insistimos e moito na urxencia de reformar esa lei polas consecuencias gravísimas que estaba tendo para persoas en situación de enorme vulnerabilidade” salientou Rodil que criticou como nese momento a Xunta de Galiza estaba a reclamar a devolución de meses da RISGA “percibidos con todo o dereito” por un problema que creou única e exclusivamente a administración “ao manter a incompatibilidade desta prestación con calquera outra despois de aprobar o goberno estatal o Ingreso Mínimo Vital”.
En abril de 2022, ante a pasividade do goberno do Partido Popular, desde o BNG volvemos preguntar por esta cuestión e naquela ocasión, a conselleira afirmou que estaba todo encamiñado e que a lei estaría “lista” a finais dese ano, porén, tampouco o fixeron. No mes de abril de 2023 “volvemos levar desde o BNG a cuestión a comisión”. Díxose que estaba “practicamente rematada” que estaban “incluíndo suxerencias”, que o borrador estaba listo e a piques de remitirse ao Parlamento para a súa tramitación. O 20 de decembro de 2023 o BNG volve levar á sesión plenaria unha interpelación sobre a tantas veces anunciada reforma “mais nunca cumprida sen obter, de novo, compromiso de impulso da mesma”.
Olalla Rodil salientou a necesidade de impulsar “a creación dunha Renda Galega de Inclusión Social e Laboral” co obxectivo principal de evitar que “ningunha persoa residente na Galiza caia ou fique na pobreza e na exclusión social”, buscando promovendo e mellorando as súas condicións económicas e sociais.