O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao MITECO dar comezo de forma inmediata e urxente ao concurso de transición xusta para a adxudicación dos nós de evacuación das Pontes e Meirama, a través de iniciativas rexistradas na cámara baixa. A frente nacionalista demanda así mesmo que se convoque a Mesa de Transición Xusta das Pontes coa participación de todos os seus integrantes e a participación da REE, tal e como reclaman ao Ministerio para a Transición Ecolóxica o resto de integrantes da mesa desde hai dous anos. Así mesmo, rexistra a solicitude de comparecencia da ministra do MITECO para que informe sobre o concurso e a adxudicación do nó, para As Pontes e Meirama, na cámara baixa.
O fechamento da central térmica de ENDESA nas Pontes provocará unha grave crise industrial nas comarcas de Eume, Ferrol e Ortegal que, segundo un estudo realizado pola Universidade da Coruña, pode provocar a destrución de até 1.400 postos de traballo. O “Concurso de transición” representa a mellor baza para xestionar a capacidade de acceso á rede de transporte de electricidade que vai liberar o peche da térmica, onde as novas instalacións de xeración eléctrica descargan na rede a súa produción.
O RD-Lei 23/2020 estabelece que o nó de transición para As Pontes será igual que o de Andorra-Teruel. O nó de acceso que libera o peche desta térmica en Teruel, tamén de ENDESA, acaba de resolverse polo Ministerio a favor dunha oferta que significa o investimento de 1.200 millóns e a previsión de crear 3.500 empregos.
Con todo, en xullo de 2022 a empresa REE (hoxe REDEIA), controlada polo Estado e que exerce de operador do sistema eléctrico, ademais de ser a propietaria dos nós de acceso á rede, informa a través da súa páxina web que a capacidade dispoñíbel nas Pontes e, por tanto, susceptible de adxudicarse a través dun “concurso de transición”, é de 0 megawatios.
“O anuncio de REE sobre a capacidade dispoñíbel nas Pontes borra calquera expectativa que lexitimamente existira na localidade de manter ou promover unha industria relacionada coa xeración eléctrica” denuncia o deputado do BNG. Por este motivo, Rego exixe manter os 1.400MW de evacuación da CT de carbón das Pontes no nó de Transición xusta para a realización do Concurso de transición xusta, co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó da CT de Andorra-Teruel. “Este concurso deberá comezar de maneira inmediata e urxente para a adxudicación do nó correspondente aos 700MW de evacuación que ocupaban os Grupos 3 e 4 da CT” explica.
“Manter as previsións e compromisos respecto da adxudicación da capacidade de acceso á rede que libere a Central Térmica das Pontes debería ser unha prioridade dos gobernos estatal e galego” sinala Rego. Mais, pola contra, o Goberno do Estado, ante as distintas preguntas presentadas polo BNG a este respecto, segue sen contestar e “limítase a remitirse ao operador do sistema, a empresa REE, e a Ministra de transición desatende as solicitudes para reunir á Mesa das Pontes que as outras partes integrantes veñen realizando desde hai 2 anos”. Neste sentido, a frente nacionalista demanda convocar o máis axiña posíbel e de forma urxente a Mesa de Transición Xusta das Pontes, coa participación de todos os seus integrantes e mesmo cunha representación de REE.
Así mesmo, o deputado nacionalista en Madrid defende manter tamén, no caso de Cerceda, os 580 MW de evacuación da C.T. de carbón de Meirama no nó de Transición Xusta Meirama 220 kV para a realización do Concurso de Transición Xusta, de forma inmediata e urxente, co mesmo procedemento empregado no nó Mudéxar da Central de Andorra (Teruel).
A preocupación por este asunto levou o BNG a presentar unha iniciativa no mesmo sentido no Parlamento de Galiza. Esta proposición non de lei xa foi debatida e aprobada por unanimidade de todas as forzas políticas con representación na cámara galega. Polo tanto, existe un consenso en afirmar que a capacidade de acceso á rede que liberan as térmicas “debe ser a baza ou potencialidade principal para encamiñar a reindustrialización das zonas afectadas”. Unha oportunidade que a frente nacionalista non quere perder pola falta de compromiso e ambición das administracións competentes, a comezar polo Goberno do Estado.
Pola súa banda, a voceira municipal do BNG nas Pontes, Carmela Franco, afirma que "o Concurso implica certeza xa, sexa quen sexa adxudicataria terá que avalar a súa proposta cun depósito -no caso de Teruel, máis de 220 millóns de euros- e cumprir os seus compromisos, incluído o do emprego xerado, nun prazo de cinco anos”. Os proxectos dos que se está a falar non teñen ditas esixencias, segundo explica Franco, mais si outras limitacións ou condicionantes. “O MITECO non pode afirmar que o nó é a nosa oportunidade e fortaleza, e logo que non teremos concurso" afirma a voceira municipal.