Parlamento Galego

BNG exixe a Rueda que rectifique sobre os crimes do franquismo en San Simón: “Non se pode falsear a verdade”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil censura o negacionismo histórico do titular da Xunta por amparar o deputado que cuestionou os asasinatos no campo de concentración galego  

Pontón reclamaralle a Rueda que escoite os milleiros de persoas que saíron á rúa en Vigo contra os recortes e as privatizacións do PP na sanidade

A través da súa viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, o BNG reclamou este martes unha rectificación oficial ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polas súas declaracións sobre os crimes do franquismo na Illa de San Simón e por amparar coas súas palabras o deputado do PP José Luís Ferro, que cuestionou os asasinatos cometidos no campo de concentración no que o fascismo converteu a illa galega.

“Tan vergoñentas, indignantes e inadmisibles son as afirmacións deste deputado como as declaracións ao respecto do presidente da Xunta”, asegurou Rodil, quen advertiu que o Bloque “non vai deixar pasar por alto o negacionismo histórico, o falseamento da verdade e o branqueamento dun réxime totalitario e criminal que asasinou centos de miles de persoas en todo o Estado, tamén en Galiza”.

É por iso que o BNG reclamará a rectificación inmediata, como tamén esixen as vítimas da ditadura e o movemento memorialístico, no primeiro Pleno do ano, tal el como adiantou a deputada nacionalista, quen aproveitou para lembrarlle a Rueda que “se ten hoxe un goberno que presidir é polo enorme traballo político que nacionalistas como Castelao, Bóveda, Casal ou Díaz Valiño fixeron dando mesmo a vida polo goberno desde o que agora o PP  se dedican a insultar a súa memoria negando o que lles fixeron”.

Subliñou, neste sentido, que os crimes perpetrados na Illa de San Simón están “abondo documentados” e que a xente morría alí “paseada, fusilada ou de fame e enfermidades polas condicións de insalubridade ás que os sometían”. “Máis o problema do PP non é de lectura, é que arrastra aínda moita herdanza das persoas que fundaron o partido. Supoño que é difícil recoñecer que o seu pai fundador estaba sentado no Consello de Ministros no que se mandaba executar a demócratas”, agregou, lembrando a continuación a proposta do BNG para que San Simón sexa declarada Illa da Memoria “para combater todo este negacionismo que pretende agora reescribir a historia”.

Castelao, primeiro presidente

Precisamente o BNG vai levar tamén ao próximo Pleno unha iniciativa para o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galiza, un acto “de xustiza e de memoria democrática” neste ano en que se conmemora o 75 cabodano da súa morte. Na mesma proposta, o grupo nacionalista propón impulsar a súa reparación instando a anulación do expediente de responsabilidades políticas a que foi sometido, a súa rehabilitación como funcionario público e o recoñecemento do carácter ilegal e inxusto da incautación dos seus bens e obras polo fascismo.

Ademais destas cuestións relacionadas coa memoria histórica, o BNG vai centrar o seu traballo de cara ao próximo Pleno e de todo este período de sesións na defensa da sanidade pública e dos servizos sociais. De feito, a sanidade pública será o tema da pregunta que a portavoz nacional, Ana Pontón, lle vai formular o titular da Xunta, a quen reclamará que atenda o “clamor social” da cidadanía que o pasado xoves saíu masivamente á rúa para protestar polos recortes e as privatizacións do PP “especialmente gravosos no sistema de saúde desta parte do País”, explicou Rodil.

A viceportavoz do BNG  acusou o PP de facer negocio coa sanidade e aplicar políticas  que teñen consecuencias para a poboación, que é quen sofre as listas de espera, a falta de persoal e un peor servizo en momentos de tensión como o actual, no que o sistema se resinte pola gripe e outras afeccións respiratorias.

Criticou, neste sentido, que máis unha vez o PP vetase a comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar das medidas postas en marcha polo Sergas dentro do Plan Galego de Saúde Invernal. Con todo, o BNG levará esta cuestión mediante unha interpelación porque, segundo salientou Rodil, “a situación na que se encontra a sanidade é a principal preocupación dos galegos e galegas.”  

Un novo modelo de coidados, a debate

O Bloque vai tamén presentar en forma de iniciativas no Pleno a súa alternativa para a xestión pública dos servizos sociais e un modelo de coidados “que garanta os dereitos das persoas antes que o negocio dun puñado de empresas”. Máis en concreto,  vaise debater unha moción nacionalista para reclamar á Xunta a xestión pública das residencias e a ampliación da rede actual, posto que o número de centros e prazas é “absolutamente insuficiente para atender xa non as necesidades futuras, senón as presentes”.

Na mesma liña enmárcase a proposición non de lei para demandar a xestión pública directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, que o PP quere privatizar incumprindo a súa promesa ás familias dos usuarios.

O BNG prolongará o traballo da comisión de investigación

 Tras a reunión da Xunta de Portavoces, Olalla Rodil aproveitou para deixar claro, por outra banda, que aínda que o PP quere dar “carpetazo” á comisión de investigación sobre os chanchullos do PP, o BNG non vai deixar de facer o traballo que como oposición lle encargaron os galegos e as galegas, como é o de fiscalizar “que se fai cos cartos públicos e que é o que está facendo o PP a través de contratacións a dedo para beneficiar a un puñado de empresas que lle son amigas e que ademais teñen a persoas moi próximas a dirixentes do PP sentadas nos seus consellos de administración”.

Olalla Rodil informou tamén do debate no Pleno da emenda á totalidade do BNG  á reforma da Lei de Medios do PP, así como do proxecto alternativo que o Bloque rexistrou para devolverse a radio e á televisión públicas aos galegos e as galegas, a quen lles pertence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG