A deputada do Bloque Nacionalista Galego Iría Carreira acaba de denunciar por urxencia na Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, a situación de vulneración de dereitos humanos no Hospital Psiquiátrico La Robleda, no concello do Pino, tras a recente visita do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura. Iria Carreira alertou da “extrema gravidade” dos feitos recollidos no informe deste organismo, que reflicten un escenario de "desatención, abuso e violencia contra as persoas ingresadas".
Segundo trasladou Carreira, o informe do MNP no Hospital Psiquiátrico La Robleda detectáronse prácticas como a de pacientes pechadas nos cuartos como castigo, “a pesar de que esta medida carece de calquera valor terapéutico”. Ademais de discriminacións entre as persoas ingresadas, diferenciando pacientes psiquiátricas doutros ingresos con perfil sociosanitario, unha escaseza alarmante de profesionais: só unha psicóloga para 94 pacientes, gravacións en zonas privadas, incluídos os cuartos, sen garantir o dereito á intimidade, falta dun protocolo para denunciar violencia ou malos tratos, internamentos involuntarios prolongados sen xustificación, ingreso de menores sen as condicións adecuadas, contencións mecánicas mantidas durante semanas ou casos de agresións sexuais a pacientes, incluso estando en contención mecánica.
Ante esta situación, a deputada nacionalista criticou a falta de acción da Xunta do PP, que, segundo denunciou, “segue ignorando” as recomendacións do Defensor del Pueblo para garantir os dereitos das persoas ingresadas en centros psiquiátricos. "A Xunta non só non actúa, senón que ademais oculta información ao Parlamento", afirmou Carreira, facendo referencia a un correo interno da Consellería de Sanidade no que se insta a ocultar o financiamento do centro e o número de pacientes derivados polo Sergas.
A deputada do BNG recalcou que esta situación non é un caso illado, senón un exemplo máis do "desleixo" do gobernó do PP na xestión da saúde mental. "As persoas psiquiátricas non poden seguir sendo tratadas como cidadás de segunda. A Xunta de Galiza debe actuar con urxencia, garantir os dereitos das pacientes e depurar responsabilidades", concluíu.
O BNG instou ao goberno galego a dar explicacións urxentes e a aplicar medidas concretas para poñer fin a estas prácticas vulneradoras de dereitos humanos.