parlamento galego

BNG exixe máis prazas na rede pública de escolas infantís para garantir a gratuidade e universalización do ensino de 0 a 3 anos

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
“As prazas na educación infantil son de balde ata onde chegan, pero o problema é que non chegan”, denunciou a deputada Ariadna Fernández  
 

A portavoz de Infancia e Familia do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, denunciou a falta de prazas nas escolas de educación infantil en Galiza, especialmente nas zonas menos poboadas, e asegurou que, malia os anuncios do Goberno do PP, a gratuidade da educación de 0 a 3 anos non é real, senón unha “media verdade” que se demostra ano tras ano nas listas de agarda.

A deputada do Deza recoñeceu que, sen ser experta en matemáticas, as contas sobre as prazas en educación infantil resultan sinxelas. Segundo os datos oficiais, na franxa de 0 a 3 anos hai 62.000 nenos e nenas en Galiza, e son 32.100 as prazas ofertadas nas escolas infantís, entre galiñas azuis, as da xerencia galega de servizos sociais, as casas niño e as escolas privadas. O rateo é, criticou, dunha praza para cada dous nenos.

“Isto é como cando vas a unha festa gastronómica típica e a comida é gratis, pero resulta que vén moita xente, e entón chega un momento en que a comida se acaba e os do final non xantan, porque a comida é de balde ata onde chega, cando non hai nin é gratis nin é, quedas sen ela”, exemplificou durante a defensa no Pleno dunha proposición no de lei coa que o BNG reclamou a ampliación da rede pública de escolas infantís, con máis prazas de nova creación para garantir a gratuidade e a universalización do ensino de 0 a 3 anos.

A deputada nacionalista comezou a súa intervención poñendo de relevancia o problema demográfico que sofre Galiza, onde só en 2023 naceron 400 nenos e nenas menos que en 2022 e o índice de envellecemento supera o 207 %, 78 puntos máis que a media do Estado.  Datos que lle valeron para por de manifesto a necesidade de pór en marcha políticas efectivas, que non se queden só no marketing, para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral e fomentar a natalidade.

Nese obxectivo enmarcou a iniciativa do BNG para incrementar as prazas nas escolas infantís e facer realidade a gratuidade das mesmas. “As prazas son gratis ata onde chegan, e o problema é que non chegan”, insistiu, subliñando que só hai 24 concellos nos que existen prazas para todas as crianzas. En contraposición, hai 17 nos que hai máis de 5 rapaces ou rapazas por praza.

“Pregunten na Lama ou en Begonte que tal lles vai na escola infantil gratuíta, a ver se teñen sorte e atopan pola rúa algún pai ou nai que lle tocara a lotería e entrara nas cinco prazas que se ofertan para 42 nenos e nenas”, ironizou dirixíndose aos deputadas e ás deputadas das bancadas do PP, a quen tamén convidou, nunca crítica aos criterios de baremo que se utilizan, a “explicar aos pais que teñen menos puntuación por non traballar para o acceso a unha praza como van facer para traballar se non teñen onde deixar ao seu neno ou nena”.

Ariadna Fernández lamentou o voto en contra dos populares a unha iniciativa coa que o BNG reclamou aumentar as prazas nas escolas públicas dándolle prioridade sobre a iniciativa privada para que a igualdade no acceso sexa real. Tamén pediu repoñer as horas de programación suprimidas aos profesionais que traballan nas escolas públicas, así como mellorar o financiamento dos centros municipais que atenden competencias que non lle corresponden e adoptar as medidas necesarias para que as escolas sufragadas con diñeiro público -incluídas as privadas- conten cun único procedemento de solicitude de admisión, con criterios idénticos no baremo e cunha listaxe de agarda única que garanta o acceso ao ensino de 0 a 3 anos en condicións equitativas para todas as crianzas. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG