O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe incluír o Eixo Atlántico no estudo de mercado anunciado por ADIF sobre os corredores de alta velocidade para que o Goberno planifique e mellore a oferta de servizos na Galiza. A organización nacionalista sinala a necesidade de apostar verdadeiramente polo ferrocarril na Galiza como medio de transporte do futuro para os galegos e galegas, reforzando as frecuencias nas franxas con alta demanda e ampliando a oferta horaria.
Adif vén de anunciar que elaborará un Estudo de mercado sobre os corredores de alta velocidade a/desde Galiza e Asturias co obxecto de actualizar a demanda das persoas viaxeiras, sobre todo despois da entrada en funcionamento do novo material rodante, os trens Avril, e a alta demanda que se produciu nos meses estivais. Sobre as mercadorías, a organización nacionalista critica que o estudo só incluirá a liña León-Asturias.
“Unha análise da demanda no Eixo Atlántico permitiría planificar e mellorar a oferta de servizos para dar resposta ás necesidades tantas veces manifestadas polas persoas usuarias do tren na Galiza” afirma o deputado do BNG no Congreso. De facto, o Ministerio de Transportes, lembra, coñecer as demandas de reforzar as frecuencias nas franxas de primeira hora da mañá, no mediodía e no serán, así como a necesidade de ofertar máis prazas que “non poden ficar en trens de dobre composición só para os días de alta demanda”.
A frente nacionalista sinala a necesidade dunha planificación xeral que supere os remendos que se están a levar a cabo actualmente en situacións puntuais. “Para iso, consideramos que un Estudo de demanda desvelaría as necesidades de mobilidade da poboación galega, así como identificar as deficiencias nos servizos no Eixo Atlántico e darlles resposta” asevera Néstor Rego.