Congreso

BNG exixe no Congreso prezos xustos para o leite

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia que a maioría de explotacións lácteas da Galiza están sufrindo presións para que asinen novos contratos e acepten prezos por debaixo dos seus custos de produción.

O BNG instou o Goberno español a que se permita ás producións agropecuarias empregar os datos sobre custos que se recollen nos estudos publicados por organismos oficiais para facilitar así a proba de cal é o custo real de produción.

Rego lembrou que as explotacións galegas son xa, neste momento, as que perciben os prezos máis baixos de todo o Estado español.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, instou o Goberno español a modificar con urxencia o contido do Real Decreto Lei 5/2020 -actualmente en tramitación como Proxecto de Lei- para permitir que as producións agropecuarias empreguen os datos sobre custos que se recollen nos estudos publicados por organismos oficiais para facilitar así a proba de cal é o custo real de produción.

Os nacionalistas advirten que aínda que a regulación estabelecida polo Real decreto parecía ser unha mellora para garantir un prezo mínimo xusto aos produtores, na aplicación práctica este obxectivo non se está cumprindo porque os custos teñen que ser demostrados de forma concreta e específica para cada unha das explotacións cos datos de que dispoñan. “Esta obriga deixa a maioría de explotacións nunha situación de total indefensión” destacou Néstor Rego.

Como resultado desta nova lexislación, a maioría de explotacións lácteas da Galiza están sufrindo presións para que asinen novos contratos e acepten prezos por debaixo dos seus custos de produción. Rego explicou que “isto supón un abuso por parte da parte contractual máis forte, que impón un contrato en que non é posíbel negociar individualmente os prezos”.

“Debe recordarse que as explotacións galegas son xa, neste momento, as que perciben os prezos máis baixos de todo o Estado español” subliñou Rego, que ve necesario que se modifique con urxencia esta lei para que se permita estabelecer os custos de produción a partir dos estudos feitos sobre esta materia por organismos oficiais, como pode ser, no caso das explotacións galegas, o Observatorio Lácteo da Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG