A deputada do BNG, Montse Prado, vén de reclamar a comparecencia urxente na Deputación Permanente do Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola grave situación de colapso que se está a vivir en centros de atención primaria, PACs e hospitais de toda Galiza por mor do aumento de enfermidades respiratorias. “Aínda non chegamos ao pico máis álxido da gripe e a situación é de auténtica saturación e colapso sanitario ”, advertiu a deputada.
Unha situación de “extrema gravidade” que os profesionais da sanidade afrontan “ao límite”, denunciou, e que era previsible, mais que o Goberno do PP afronta “dende a improvisación, sen planificar nada, sen adiantarse e sen organizar”. “Non fixeron nada para garantir a accesibilidade á atención primaria, non reforzaron os profesionais nos centros de saúde nin nos PACs”, criticou. Segundo asegurou, a Consellería de Sanidade limítase a “actuar de comentarista” do que está a pasar e “de novo, vai por detrás do problema”.
Mostra disto, engadiu, é que “tivemos que agardar ao 29 de decembro para que a Consellería de Sanidade recomendara poñer máscara e que dixera que os plans de continxencia están aí por se fai falta activalos”. “Están incumprindo o dereito fundamental de protección da saúde, o deber de protexer a saúde e a vida das galegas e os galegos”, sentenciou.
A deputada do BNG considerou ademais que “non é aceptábel que se culpabilice á poboación por buscar resposta no sistema sanitario nin é aceptábel que se inste ás galegas e aos galegos a que se autodiagnostiquen, a que decidan cal é a gravidade da súa patoloxía, a decidir se precisan ou non atención, a que se automediquen ou a que paguen do seu peto a medicación”.
Caldo, mantiña e repouso
“Cando lle din á xente que caldo, mantiña e repouso e que se tomen determinados analxésicos o que lle están dicindo é que os paguen do seu peto. A receita do presidente da Xunta de actuar con sentidiño non é de recibo porque os galegos e as galegas teñen dado mostras máis que suficientes de sentidiño e de paciencia diante da desfeita sanitaria froito de 14 anos de goberno do PP”, reprobou.
Do mesmo xeito, considerou inaceptable a “mensaxe de banalidade” dos procesos respiratorios que está lanzando o PP porque “unha gripe non é un catarro con febre e estamos vendo que hai un altísimo número de persoas que acaban ingresadas”, precisou Prado, que defendeu o dereito da poboación galega a ser atendida por un profesional da sanidade.
Para a deputada do BNG, o que está a acontecer diante do aumento de casos de enfermidades respiratorias responde a un problema “estrutural” logo de que o Goberno do PP “desmantelase a Atención Primaria e agora as costuras non dan para máis”.
Na súa comparecencia ante os medios, Prado deu exemplos da saturación que se está a vivir en moitos centros, como o de Moaña, sen servizo de urxencias dende a pandemia; Tomiño, onde hai dous médicos na vez de oito para máis de 14.000 habitantes ou Marín, con demoras de até 22 días para conseguir cita con algúns dos facultativos ou onde só atende un pediatra cando tiñan que ser catro.
Situación preocupante, agregou, é tamén a que se vive nos servizos de urxencias hospitalarias, nalgúns casos con pacientes que teñen que ser atendidos nos corredores. Así, denunciou que no CHUAC os tempos de espera para ser atendidos son de ata cinco horas, e de dous ou tres días para ingresar en planta. En Santiago e Vigo estanse a rexistrar medidas de 500 pacientes ao día.
A mesma falta de planificación denunciou no caso das ambulancias, “insuficientes e con demoras constantes” , o que ten provocado que en Pontecaldelas, por exemplo, se tardara máis dunha hora en chegar para atender a unha persoa que sufría ictus “e que infelizmente non tivo a oportunidade de ser atendido”.
“Os galegos e as galegas agardan que se lles preste atención con garantías e non esta atención sanitaria de terceira”, afirmou, incidindo en que é necesario que Alfonso Rueda explique no Parlamento as medidas que se tomaron e se van tomar ante a chegada da repunta de casos que anticipan os profesionais da sanidade.