congreso

BNG exixe ao Goberno “dar un xiro en favor de políticas de paz” e renunciar ao aumento do gasto militar

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego solicita a Margarita Robles cesar o envío de armas á Ucraína e apostar “de maneira decidida polas vías diplomáticas e de negociación” no conflito

“O incremento deste gasto hipoteca a posibilidade de aumentar os investimentos en políticas sociais, unha das prioridades que debería ter un Goberno que se define como progresista” alega o deputado

Durante a comparecencia da Ministra de Defensa no pleno do Congreso, solicitada polo BNG xunto con outras forzas políticas, o deputado Néstor Rego demandou a rectificación do Goberno a respecto do conflito na Ucraína e unha aposta decidida polas vías pacíficas e de diálogo. Para a frente nacionalista, o envío de máis armamento só está a “prolongar o sufrimento e a alongar a guerra” que pagan os pobos da Ucraína, do Donbass e o resto dos pobos de Europa e sinala que o único que se está a beneficiar é “o gran amigo norteamericano”. Alén do máis, Rego incide en que un Goberno “que se define como progresista” debe estabelecer como prioritario desenvolver políticas sociais que axuden a paliar as consecuencias que está a provocar o conflito na cidadanía, sobre todo entre as clases populares.

“Decisións como o envío de armamento á Ucraína non poden ser tomadas polo Goberno do Estado sen ser previamente debatidas e votadas no Congreso” xustifica Rego a decisión de rexistrar a solicitude de comparecencia da Ministra de Defensa. O envío dos carros de combate Leopard, alerta o deputado, pode estabelecer “un risco real de que provocar que ese conflito escale a unha confrontación directa ou, mesmo, un conflito de carácter nuclear”, xunto con algunhas decisións que outros países europeos están a adoptar. “Non nos parece pertinente que unha decisión deste calado, coas implicacións que poden ter, sexan tomadas polo Goberno obviando a opinión do Congreso” engade.

Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso demanda ao Goberno do Estado “rectifique a súa posición e centre os seus esforzos nas vías políticas e diplomáticas” para, a través da negociación, por fin a esta guerra canto antes. “Reclamamos un xiro en favor das políticas de paz e renunciar ao aumento do gasto militar porque este gasto tamén hipoteca os investimentos en políticas sociais, unha das prioridades que debería ter un Goberno que se define como progresista” defende Néstor Rego.

“Desde unha perspectiva de esquerdas, antiimperialista,  de defensa da paz e dunha aposta pola coexistencia pacífica entre pobos e nacións, o BNG defendeu desde o primeiro momento a vía do diálogo e a negociación” reforza.

Hoxe, sinala o deputado nacionalista, un ano despois do comezo da guerra “é evidente que o envío de armamento o único que consegue é alongar o sufrimento e prolongar a guerra que pagan, fundamentalmente, o pobo ucraíno, o pobo do Donbass, o pobo ruso e o resto dos pobos de Europa”.

Submisión aos intereses do “amigo norteamericano”

O conflito na Ucraína, explica Rego, foi empregado polos Estados Unidos para lograr unha das súas principais demandas: “que os estados europeos, membros da OTAN, accedesen a aumentar o gasto militar até 2% do PIB”. No caso do Estado español, tal e como denunciou a frente nacionalista no seu día, ese aumento sitúase por riba de 3% xa que, alén dos gastos da sección de Defensa nos Orzamentos do Estado, existen partidas doutros ministerios destinadas a este fin.

“Unha previsión de aumento, entre 2023 e 2029, de 17 mil millóns de euros, tal e como se recolle na programación plurianual dos Orzamentos. Mesmo contando as baixas de partidas que rematan antes de 2029, o orzamento militar estaría por riba de 3% do Produto Interior Bruto nese ano. Un incremento que beneficia, principalmente, o complexo militar industrial norteamericano porque -tal e como podemos comprobar no proxecto de orzamentos- moitas destas partidas teñen nome e apelidos de grandes empresas norteamericanas como Lockheed Martin” denuncia o deputado do BNG.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG