O deputado vén de reunirse con varios gandeiros e gandeiras que lle trasladaron a súa “situación de abandono” e “falta de información e de axudas”, mentres a Consellería do Medio Rural está “ausente”, criticou. É por iso que o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas canto antes.
A enfermidade, que se manifesta cun proceso infeccioso non contaxioso, é causada por un virus da familia Reoviridae que transmítese por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico se activa coa subida das temperaturas, despois dunha pausa invernal larvaria na auga.
Fernández recorda que o BNG “xa advertiu do que podía pasar coa chegada do verán” e agora demándalle á Consellería do Medio Rural que “tome medidas e que pare de buscar excusas, que actúe xa”.
Segundo a web da Xunta de Galiza, en 2023 habilitáronse indemnizacións por valor de 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza, axudas “que aínda están sen percibir por parte dos afectados” advirte, para apuntar que “se se comparan coas recibidas no resto do Estado, son unha cifra excesivamente discreta para o número de casos totais da enfermidade”.
Subliña que a media de gasto de 400 euros por animal que estea afectado “terán que custeala os gandeiros sen axuda por parte da Consellería de Medio Rural”, lamenta.
En Galiza os primeiros casos detectáronse en setembro do 2023, nos concellos A Capela e Abegondo, e pasou a afectar a todas as provincias, ata reducírense considerablemente coa chegada das estacións frías, cando o vector é menos activo e o risco diminúe de xeito evidente, aínda que non total.
A incidencia prevíase maior nesta temporada do verán de 2024 pero, para o deputado nacionalista, “as escasas medidas preventivas e paliativas dende o Goberno do PP non chegaron a tempo para ser efectivas e os gandeiros comezaron a sufrila sen estar preparados para a nova vaga de casos que comezou hai semanas no sur do país”, denuncia.
Os primeiros casos deste verán apareceron na provincia de Ourense, nas comarcas de Verín, Viana, A Gudiña, Terra de Trives e Terra de Caldelas, e foron avanzando ata situarse esta última semana en terras de Lugo ( Sarria, Ancares, Terra de Lemos e Quiroga).
Para o deputado, estes son “resultados dramáticos para os animais e por extensión para os propietarios”, que se atopan nunha situación de “desesperación absoluta pola elevada morbilidade que a enfermidade está mostrando nesta tempada”, onde xa hai casos confirmados en 10 zonas veterinarias do país, con 388 casos constatados en laboratorio e “sen chegar aínda ao pico de afectación”, resaltou.
As demandas do BNG
Na iniciativa do BNG que se debaterá na Comisión 7ª, reclámalle ao Executivo de Alfonso Rueda fixar unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE, tanto os que rematen coa morte do animal coma os tratamentos destinados a paliar os síntomas da enfermidade e os servizos veterinarios derivados desta.
Tamén se pide subvencionar a vacinación voluntaria contra o virus da EHE, para todos aqueles gandeiros que soliciten as doses, custeando o tratamento e o servizo veterinario derivado da vacinación, favorecendo así a inmunización da cabana gandeira galega.
Asimesmo, O BNG solicita un estudo de incidencia da EHE en Galiza para determinar as accións a levar a cabo en próximas campañas, tanto a nivel galego coma no conxunto do estado español, acoutando zonas de alta inmunización, media e baixa, para fomentar o uso da vacina nas áreas de menor incidencia previa e evitar as perdas económicas derivadas da doenza.
O BNG considera tamén urxente que se reúna o Comité Nacional do Sistema de Alerta Veterinaria de España (RASVE) para debater o estado da enfermidade hemorráxica epizoótica e as posibles solucións.
Por último, insta á Xunta de Galliza a solicitar ao goberno do Estado a colaboración e coordinación da comisión de carácter técnico da RASVE para actualizar o estado do territorio español e países limítrofes.
A EHE afecta tanto a ruminantes domésticos coma salvaxes, dando lugar a unha clínica moderada e autolimitante, aínda que nalgúns casos pode derivar en secuelas ou incluso a morte (1% mortalidade media, cunha morbilidade media do 7,53%.). Trátase dunha enfermidade de declaración obrigatoria e o seu período de incubación oscila entre os 2 e os 10 días.