BNG esixiu no Parlamento galego “responsabilidades políticas” á Xunta pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anula a autorización do Goberno galego para repotenciar o parque eólico G3 de Corme.
“Outra sentenza máis que sinala os problemas do seu modelo eólico e que só pode ter unha saída: a asunción de responsabilidades políticas pola gravidade dos feitos, asunción dos erros e corrección”, recalcou a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, na defensa dunha moción na que tamén reclamou que se fagan públicos todos os acordos tomados polo Consello da Xunta na tramitación de proxectos que se acollan ás figuras existentes para acurtar os seus prazos e aplicar a supramunicipalidade, así como a paralización cautelar daqueles outros que poidan estar nas mesmas condicións que o de Corme para blindar así os prazos de información pública e alegacións de mínimo un mes e o acceso a todos os informes prececptivos dentro deste prazo.
Logo de engadir a este fallo xudicial outras sentenzas tamén contrarias ao modelo eólico da Xunta como as das Sasdónigas ou O Iribio, Presas recriminou ao Goberno de Núñez Feixóo a súa “estratexia da avestruz”, “agochar a cabeza para esperar que pase o bochorno”, e botar balóns fóra: “cando hai un problema, non vai con eles, sempre hai un responsable externo ao que culpar”, censurou.
Así, criticou con severidade como o PP acusa sistematicamente ao BNG da resposta social contra o seu modelo eólico, de que os seus propios alcaldes tamén se opoñan publicamente ao mesmo ou incluso de non ter instalados apenas 1.000 MW eólicos en dous anos de lexislatura. “Así funciona o PP: difama que algo queda; difama ou minte”, asegurou para deixar claro unha vez máis que o Bloque “non está en contra do sector eólico, senón en contra do seu modelo”.
Nesta liña, recordou a Lei de implantación empresarial de 2017 (“ou lei de depredación primeira”) e a Lei de simplificación administrativa de 2021 (“ou lei de depredación segunda”) que, xunto coas leis anuais de Orzamentos, “van xa 10 modificacións da lei do sector eólico camufladas noutras leis, pola porta de atrás, sen debate e sen planificación”, nunha “chapuza tan grande que o din ata os tribunais!”, para beneficiar ás grandes empresas do lobby eléctrico, “en contra dos intereses da sociedade, do medio ambiente e do desenvolvemento económico de Galiza”.
Neste contexto, a deputada nacionalista defendeu tamén na moción -que non prosperou polo veto do PP- a derrogación dos aspectos das leis de implantación empresarial de 2017 e de simplificación administrativa de 2021 que reducían prazos, informes ou garantías nas tramitacións industriais e incidiu na necesidade de que a Xunta rectifique e impulse un novo marco regulatorio do sector que resolva os problemas actuais e conxugue participación democrática, coidado do medio e desenvolvemento enerxético. “Cada minuto que tarden en rectificar é unha oportunidade perdida para o País”, concluíu.